Palabras con memoria: arroupándose

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Pés espidos dunha crianza na cama. (Foto: Nós Diario)
Pés espidos dunha crianza na cama. (Foto: Nós Diario)

androlla.- (Ademais de significados xa rexistrados) Calzado de madeira e coiro.
Lugar de escoita.- Cerceda.
Fonte.- Santiago López Liñares/CPI O Cruce de Cerceda.

perrelo (en).- En coiros.
Exemplo.- "Andaba en perrelo".
Lugar de escoita.- Santa Mariña (Covelo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

ran, en.- En coiros.
Exemplo.- "Gústalle andar en ran cando vai calor".
Lugar de escoita.- Santa Mariña (Covelo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

someter.- (Ademais dos significados xa coñecidos) Colocar unha peza de roupa dentro da outra coa intención de suxeitala. Na Limia significa algo semellante, non sei se recollido xa: meter a roupa da cama por baixo do xergón para evitar que se destapen as/os nenas/os pola noite.
Lugar de escoita.- Ferrolterra, Mariña luguesa e A Limia.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro, Antón Méndez Gándara.

visar.- (Ademais de significados xa recollidos) Transparentar unha prenda de roupa.
Exemplo.- "Tes que ter coidado con ese vestido, que che visa todo".
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira.

Comentarios