Palabras con memoria: animalacción
birrallo.- Aplícase este adxectivo ás ovellas que teñen a la basta, para diferencialas das meiriñas.
Exemplo.- "As meiriñas teñen unha la moi bonita, a das outras non vale nada, son birrallos".
Lugar de escoita.- Sto. Adrián de Cobres (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
cucín.- Cadeliño.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.
culler de rabo.- Cágado, cabezolo.
Lugar de escoita.- Cuntis.
Fonte.- Aurelio Solla Monteagudo.
Outros apuntamentos.- Marcos Seixo.
merella.- Ovella.
Exemplo.- "Bótame esa merella fóra da leira!".
Lugar de escoita.- Val Miñor.
Fonte.- Albino Soto Figueroa.
sapelo.- Chámase así a unha ra de cor parda escura, cunha riscadura de cor parda máis clara polo lombo (que é verde na ra común). Non é un sapo, é unha ra e, como tal, vive nas charcas e regatos.
Lugar de escoita.- A Limia.
Fonte.- Antón Méndez Gándara.