Palabras con memoria: agrolingua

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Úsase Balbela para referirse a unha póla que se demouca dunha parra (Foto: Halfpoint).
photo_camera Úsase Balbela para referirse a unha póla que se demouca dunha parra (Foto: Halfpoint).

balbela.- Póla que se demouca dunha parra.

Lugar de escoita.- Marcelín-Navia de Suarna.

Fonte.- Fernando/ENDL Navia de Suarna.

birlar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Agromar, abrochar, xermolar.

Lugar de escoita.- Concello de Cambre (A Coruña).

Fonte.- Víctor Torreiro García.

cercelos.- Palabra empregada na área da Mariña Lucense para referirse á flor do castaño.

Lugar de escoita.- Sargadelos (Cervo).

Fonte.- Isabel Echevarría Fernández (avoa de Roi Martínez Enríquez).

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

chorar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise cando unha planta ou árbore ten mala cor e parece que vai morrer. Por exemplo, dise dunha árbore que parece que prendeu pero logo ten pouco vigor ou do trigo cando amarelea pero aínda está pequeno.

Lugar de escoita.- Fonteabuín (Sarria).

Fonte.- Parella de María Xosé López Castro.

Outros apuntamentos.- No caso do trigo, o informante indica que se debe a arar a terra mollada ou fóra de sazón.

xaramelo.- Taliño polo cal a semente comeza a medrar para ser planta. Sería, logo así, ese conxunto de partes da graíña (radícula, epicótilo e hipocótilo) que conforman o embrión das plantas.

Lugar de escoita.- Calvos (Cuntis).

Fonte.- Manuela Couso Ares.

Outros apuntamentos.- Enviado por Héitor Picallo. Escoitado tamén a Sandra Carballo, da Asociación Cultural O Xaramelo, en Meis.

Comentarios