O galego móvese en Londres

Por segundo ano, a Rede Galega en Reino Unido (REGA-UK) celebra o Día das Letras galegas na capital británica. Unha manchea de actividades e propostas, para alén dos apoios que se envían desde Galiza: de TouriñáN, a Xabier Díaz pasando por Gayoso ou Tati Moyano.

2018051810000792612

Este sábado, 18 de maio, Londres acolle a celebración do Día das letras galegas, unha iniciativa organizada pola Rede Galega en Reino Unido (REGA-UK) e no que se dan a man, coa cultura galega e o convicio como protagonistas, literatura, a música, o cine ou a gastronomía. Van ser cinco horas de actividade en The YAA Centre nos que a capital británica acolle unha mostra dunha das múltiples linguas e culturas que habitan no seu seo. Igual ca na edición anterior, a actividade conta coa colaboración doutras organizacións socioculturais galegas da capital británica, como a Asociación A Caramiña, Galegos Morriñentos, Galego en Londres, Galician Film Forum e Troula.

Numerosas personalidades da cultura galega están a apoiar a celebración do Día Das Letras Galegas en Londres. Na canle de YouTube do colectivo pódense ver xa os vídeos de Guadi Galego, Gayoso, Bieito Romero, Xabier Díaz, Pablo Pose, a familia Seivane, Tati Moyano, Alfonso Hermida ou Touriñán, entre outros, amosando publicamente o seu apoio á comunidade galega na diáspora.

Están previstas cinco horas de actividades nas que haberá tempo para o concerto do grupo Zeltia, a intervención de Isaac Xubín, que brindará un recital poético e presentará a súa última novela, a proxección da curta ‘Filomena’ de Fon Cortizo, foliada, obradoiros, xogos interxeracionais, actividades para nenos e moito máis.

A entrada anticipada ten un prezo de 10 libras e de mercarse na porta, o seu custo será de 12 libras. A recadación destinarase integramente á organización de actividades socioculturais no Reino Unido promovidas por REGA-UK.

Comentarios