“Necesitamos iniciativas que vinculen a nosa lingua coa modernidade e a vangarda como o concurso de tatoos”

“Galiza, á flor de pel” mostra que a lingua e a cultura galega poden facer parte do propio corpo, motivo de gabanza e de compromiso para toda a vida. Séchu Sende, escritor e profesor do centro, e Julieta Penas fálannos da resposta entusiasta ao concurso de tatuaxes ideado polo Clube da Lingua do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces.

.
photo_camera .

Remata o prazo do concurso “Galiza, á flor da pel” e no Clube da Lingua do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces celebran ter recibido máis de cen fotografías nas que a lingua e a identidade galega son as protagonistas. O obxectivo? Vincular a lingua galega coa modernidade e a xente nova.

Máis de cen fotografías recibíronse no Clube da Lingua do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces para partillar o concurso “Galiza, a flor de pel”. En todas elas, o obxecto principal eran tatuaxes coa lingua ou a identidade galega como motivo. O catálogo é sorprendente, desde poemas de Rosalía ou Lupe Gómez, petroglifos, elementos tradicionais, ditos populares ou o corpo convertido en pancarta de protesta e reivindicacións.

“O obxectivo era vincular a lingua galega coa modernidade, a actualidade, a vangarda e a xente nova. É algo que defendemos desde o Clube da Lingua do centro no que desenvolvemos outras actividades nese sentido como a relación continuada co festival Cruceiro Rock de Vila de Cruces .Sés ou O´Leo  teñen pasado por aquí tamén. Os rapaces do instituto danse conta de que hai un déficit social á hora de relacionar lingua coa mocidade e nós traballamos nesa liña”, explica o escritor e profesor do centro Séchu Sende, coordinador da Equipa de Normalización Lingüística, á que denominan Clube da Lingua, para facer ver con máis forza o seu carácter participativo.

Máis de cen fotos

Cando dicía que ían conseguir vinte tatoos, o alumnado ría, cando subiu a cincuenta, rían aínda máis e a sorpresa foi ao ver que máis de cen imaxes foron recibidas con sorprendentes tatuaxes que chegaron de todo o país. “O concurso quería atraer a atención cun proceso participativo, mostrar que hai unha rede social en defensa da lingua e facela visíbel. Hoxe, nun dos tatoos, chegaba un comentario dunha moza que dicía que o enviaba para demostrar que a lingua está viva na xente nova e que é signo de normalidade malia que moitos se empeñen en ocultalo. Temos necesidade de iniciativas que vinculen a nosa lingua coa modernidade e a vangarda”, defende Sende que viu como tamén as amizades do facebook do clube se triplicaban en só dúas semanas.

“O concurso quería atraer a atención cun proceso participativo, mostrar que hai unha rede social en defensa da lingua e facela visíbel"

“Cando se fai visíbel unha iniciativa como esta a xente responde e, de súpeto, descubrimos, por exemplo, que hai moitas mensaxes políticas, de resistencia, que ademais de aparecer en muros aparecen no propio corpo”, comenta Séchu Sende sorprendido tamén coa intensidade dalgunhas das tatuaxes.

As pintadas na pel tornáronse no concurso tamén en metáfora do corporal, do íntimo, de algo do que se pode gabar, co que se establece unha relación intensa. E aí aparecían tamén a nosa lingua e a nosa cultura. “Cada un deles é orixinal e demostran a relación da cultura galega co presente. Algúns deseños son marabillosos, como os dos petroglifos ou poemas. Temos de todo, desde algúns persoais, da relación coa familia e amizades, até fraseoloxía popular ou temas tradicionais e tamén moi reivindicativos”, explica, transmitindo a enerxía das historias que se agochan detrás de cada unha das pintadas da pel.

Sorprende tamén que a iniciativa partira dun centro de secundaria, dun instituto que convidou a mozas e mozos de todo o país a partillaren un proxecto para se gabaren da lingua. “En ausencia dese espazo nos medios públicos ou masivos desde os que a cultura galega non chega á xente nova é o movemento social o que vai enchendo con iniciativas como estas”, comenta, dun concurso no que, maiormente participaron persoas entre 18 e 40 anos. “Esta iniciativa non é excepción. No mesmo Deza desde os centros de ensino nacen proxectos de normalización a cotío e a páxina da Coordinadora de Equipos de Normalización mostra a intensidade do movemento social de defensa da lingua no instituto. O alumnado implícase e inicia o seu activismo polo galego. Aquí temos un grupo de rapaces e rapazas que contribuíron co seu esforzo a todo o traballo da organización do concurso”, di, empeñado en defender o carácter colectivo do proxecto. Entre esas mans colaboradoras están as de Tania Ríos e Julieta Penas, que estiveron movendo o facebook do Clube da Lingua durante estas semanas, encantadas ao ver como a resposta ía medrando día a día.

"O alumnado implícase e inicia o seu activismo polo galego”

Julieta Penas é alumna de 4º de ESO e non oculta o entusiasmo por ter colaborado na iniciativa do centro. “As últimas semanas estivemos e tope e subiamos ao facebook unha morea de tatuaxes e comentarios. Moitas persoas nos felicitaron polo proxecto”, empeza. Na casa non fala galego porque, explica, naceu en Arxentina e na familia non se bota a falar a nosa lingua mais fóra procura que o galego sexa o seu medio de comunicación. “Aquí falamos a 

maioría galego mais cando imos a cidade fálannos castelán e iso chócame”, comenta. Tampouco ten tatuaxes na pel, mais non é polo moito que lle gustan. “Algúns dos que chegaron son preciosos e si que me gustaría telo. As tatuaxes son moi persoais e o que si vemos é que forman parte de quen os fai, moi intensos. Para min é un orgullo que do centro saia un proxecto tan bonito”, engade. O seu preferido? “Non estaría ben que o dixera porque son membro do xurado”, comenta. O xurado xuntarase a terza feira, e contan facer públicas as fotografías -coas tatuaxes- gañadoras a sexta feira no Museo do Pobo Galego. Tres premios para as que teñen letra e tres para imaxes sen texto. 

“Galiza, á flor de pel” non rematará na entrega dos premios. A enerxía e o entusiasmo polo proxecto foi tan grande que xa están a idear novas maneiras de facelo público, talvez un blogue, pósters, un libro... en soportes que acheguen a lingua e a cultura galega á mocidade, seguro. 

Comentarios