#MoitoqueSachar: a celebración dos medios en galego

Alguns representantes dos membros da AMEGA nunha edición anterior da Gala do Dia dos Medios en Galego.

Este sábado, 20 de marzo, na Casa de Rosalía, cun programa ao vivo e que se retransmitirá en Streaming.

Este sábado 20 de marzo a Casa Rosalía, en Padrón, acollerá a celebración do Día dos Medios en Galego co programa #MoitoqueSachar. Un evento que ía se celebrar, conmo todos os anos, o 7 de febreiro mais que a pandemia obrigou a adiar.

A Casa Museo de Rosalía acollerá a emisión dun programa especial presentado por Federico Pérez Rey, unha das caras máis visíbeis do audiovisual galego, que estará acompañado pola música ao vivo dunha banda formada por Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

Será unha festa da lingua, con entrevistas, sketches, o nacemento dun novo proxecto, así como sorpresas que demostrarán o papel fundamental do galego como principal motor da comunicación no noso país.

O programa será retransmitido en directo nas nosas canles de Youtube, Facebook e Twitch. Ademais, tamén se emitirá o domingo ás 21:30h en NósTelevisión e a segunda feira ás 18:00 horas en todas as emisoras municipais galegas da rede de Radiofusión. O

O evento conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, ademais do apoio da Casa Rosalía.

Asociación de Medios en Galego (Amega) fixaba en xaneiro de 2018 a data de 7 de febreiro como o Dia dos Medios en Galego,  “unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”.

A data procuraba homenaxear  ‘O Tío Marcos d'a Portela’, nado en febreiro de 1876. A histórica publicación foi a primeira escrita integramente en galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.

En febreiro dese mesmo ano, 2018, O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu lectura a unha declaración institucional co gallo do 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, convidando a sociedade galega a “apoiar esta reivindicación”.