Convocan mobilización diante de Casas Novas pola humillación a unha nena por falar galego

A Mesa convoca para esta cuarta feira ás 12.30 horas unha concentración diante  do Centro Hípico Casas Novas, en Arteixo, após a humillación que as monitoras someteron a unha pequena por falar galego. O complexo é propiedade de Amancio Ortega, fundador de Inditex. 

casasnovas
photo_camera casasnovas

“Non máis humillacións por falar galego”, é o lema da concentración que a Mesa pola Normalización Lingüística convocou para esta cuarta feira ás 12.30 en sinal de protesta polo trato humillante ao que someteron a unha nena participante no campamento de verán do centro hípico Casas Novas polo feito de falar galego. 

A nena, segundo a denuncia recibida na Mesa, tivo que abandonar o campamento despois dunha semana na que aturou desprezos por parte das monitoras en frases como “es que a ti non ten entiendo como hablas. Te explicas tan mal así” ou “Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano” coas que querían impoñer a lingua á pequena. 

A Mesa pediu intervención da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística e agora convoca unha concentración perante a sede do Centro Hípico Casas Novas para esixir respecto polo galego e a paralización de humillacións polo uso da nosa lingua. O complexo hípico, situado na parroquia de Larín, no concello de Arteixo, é propiedade do fundador de Inditex, Amancio Ortega. 

Comentarios