Milan Rakovac, xornalista e Premio Otto von Habsburg da asociación Midas: "Os fascistas obstaculizan o progreso"
Milan Rakovac recibiu a pasada semana o Premio Otto von Habsburg de Midas, a Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (Midas), da que fai parte Nós Diario, e quixo dedicalo aos xornalistas palestinos asasinados por Israel en Gaza. Denuncia que o xornalismo quedou instalado na “banalidade”.
(Reproducimos a seguir a entrevista publicada polo xornal Berria)
Milan Rakovac (Rakovci, Croacia, 1939) conta cunha dilatada traxectoria xornalística, literaria e audiovisual. Esta entrevista tivo lugar na mañá seguinte a recibir o Premio Otto von Habsburg da asociación Midas nun hotel de Nova Gorica, Eslovenia. Convidoume á terraza, prendeu un pito e dixo que estaba disposto a conversar. O día anterior, antes de cear, confesárame a súa fonda admiración polo pobo vasco.
Cando recolleu o premio Otto von Habsburg lembrou os xornalistas palestinos asasinados por Israel. Cre que debería falarse con máis claridade deste tema?
É importante levantar a voz, por suposto, xa que Israel executa xornalistas e civís inocentes. É unha forma bárbara de librar unha guerra. Retrocedendo no tempo, ao meu avó levárono ao campo de concentración de Flossenburg [Alemaña] durante a Segunda Guerra Mundial, e o meu pai foi asasinado durante a mesma. Eu tiña só 5 anos e convertinme no maior da familia. Claro, era só un neno, pero dalgunha maneira alí produciuse unha 'masculinización' do neno [converténdose no 'cabeza de familia'].
Como se sente ao recibir este premio de Midas? Como está?
Moi ben. Antes de nada, quero dicir que me sinto como un de vostedes. E voulle dicir unha cousa: teño moi presente o que fixo o fascismo español. Antes da morte do ditador Francisco Franco xurdiu ETA, e para min era coma se estivésemos xuntos nunha guerra de liberación. Para empezar, o meu pai era membro do Partido Comunista e tiña contacto cos antifascistas italianos. Tiñamos enfronte fascistas españois, italianos e alemáns. E, nese contexto, sentinme como se pertencese a unha minoría, como vostedes.
De neno mudouse a Pula (Istria, Croacia). E, logo, á capital, Zagreb. Que recordos ten?
Mudámonos a Zagreb cando tiña 13 anos. Eu era un raparigo do leste na capital de Croacia e non me sentía nada submiso. Era de clase obreira, e os fillos desa clase obreira salváronme.
Empezou a escribir desde moi novo. E máis tarde ideou o seu propio idioma, combinando o croata, o italiano e o esloveno. Como xurdiu isto?
Cando escribín os meus primeiros poemas era un neno de 10 anos. A cuestión é que era moi malo xogando ao fútbol; eu tocaba o violín na escola de música. Empecei a intentar escribir, lin moito, e uns anos despois souben o que quería ser: escritor. Creo que me levou a escribir a lectura de Herman Melville, Joseph Cornell e Jack London. Por outro lado, metéuseme na cabeza que para ser un verdadeiro escritor tiña que ser mariñeiro, como eles. Fun á academia militar, e convertinme en oficial da Mariña iugoslava. Despois empecei a escribir novelas.
Pero tivo outros referentes despois.
Si, claro: Charles Bukowski, Norman Miller e John Dos Passos.
En canto a xornalistas, cales son para vostede os mellores da historia?
Quizais mencionaría Sergei Eisenstein, pero tamén outros. Moitos foron os meus referentes.
Realizou numerosos documentais para televisión.
Na televisión croata considerábanme un alborotador. Realicei documentais sobre o fascismo e o antifascismo. E cando empecei a facer este tipo de traballos todos na televisión se sorprenderon. Porque, mira, aos do equipo e aos cámaras dicíalles que empezasen filmando os zapatos e logo, lentamente, movasen a cámara de abaixo a arriba para acabar a escena enfocando a cara. “Que fas?”, preguntábanme. Era algo novo naquela época. Na miña vida fixen uns douscentos documentais, de todo tipo.
Que opina deste período da historia? É unha época de noticias falsas e de desinformación...
Hai unha especie de baleiro na arte. A arte, pola súa natureza, necesita un espazo libre. De feito, estamos nun momento no que un río impetuoso está creando grandes inundacións. Vivimos na época da pos literatura e tamén do pos xornalismo. A ninguén lle importan as cinco preguntas que adoitabs responder a noticia no xornalismo clásico: quen, que, onde, cando e por que. Iso perdémolo, xa non se responde a esas preguntas. O propio xornalismo afundiu na banalidade. Temos un pos xornalismo... Todo banal.
Substituirá a intelixencia artificial o traballo dos xornalistas?
Creo que si. Aínda non, pero cedo. Estou seguro de que a intelixencia artificial converterá a intelixencia humana un adorno.
E creo que os medios de comunicación en linguas minoritarias teñen futuro?
As linguas minoritarias e os dialectos son a única forma de sustentar a especie humana. Espero que sobrevivan. Pero os perigos persisten, porque cada vez é máis banal todo, e pos político. Os fascistas seguirán pondo obstáculos: os fascistas obstaculizan o progreso. Con todo, aínda espero que os humanos poidamos avanzar [a noite en que Rakovac recibiu o premio, Igor Deveta, director do diario Primorski Dnevnik, pronunciou unha laudatio e salientou que o xornalista croata destacou ao longo da súa carreira polo seu antifascismo].
Que recomendaría aos mozos que se inician no xornalismo? Que se precisa para ser un bo xornalista?
Primeiro, hai que amar o oficio; despois, ter unha educación formal. E saber idiomas é importante. Cantos máis idiomas saibas, mellor. E as cinco preguntas xornalísticas das que che falo hai que poñelas nunha placa de bronce ou nunha escultura coma se fosen os dez mandamentos. E un xornalista, sen dúbida, necesita curiosidade e amor.

