A Mesa mobilízase para defender o topónimo "lexítimo, oficial e legal" de Ourense

Dúas persoas foron xulgadas polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da Cidade das Burgas.
oreunse
(Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta quinta feira diante dos xulgados de Ourense, “en apoio da única toponimia lexítima, oficial e legal, coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade ourensá”.

O presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, considera "escandaloso" que se xulguen dúas persoas por reclamar respecto ao único artigo prescriptivo da Lei de Normalización Lingüística (LNL), o artigo 10 que di que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” un día antes de que teña lugar, tamén en Ourense, "un evento ultraespañolista que se anuncia gabándose de deturpar a toponimia da cidade" e que o faga, ademais, co patrocinio da Xunta de Galiza e da Deputación de Ourense.

"Nisto", denunciou Maceira, "tamén demostra o Partido Popular o pacto de enterro do galego que quere promover".

 "As autoridades mostráronse máis preocupadas en procurar vítimas propiciatorias entre quen defende o dereito a vivir en galego que en facer efectivo e cumprir o artigo 10 da LNL", lamentou o responsábel da Mesa.

 "No canto de promover e defender a legalidade", rematou, "escollen abrir procesos empregando recursos públicos e métodos de dubidosa lexitimidade e legalidade".

Comentarios