"Mejillón busca amante para relación abierta": críticas á campaña da Xunta, en castelán, para promocionar os produtos do mar

Campaña desenvolvida pola Consellaría do Mar. (Foto: Nós Diario)
O contrato no que se adxudica a campaña 'Galicia sabe a-mar' para publicitar estes produtos ascende no seu conxunto a 1,45 millóns de euros para 2022 e 2023.

Dúas furgonetas aparcadas na praza do Obradoiro de Santiago promociona esta cuarta feira os peixes e mariscos da Galiza con peculiares mensaxes escritas en castelán. "Mejillón busca amante para relación abierta" e "Bonito busca pareja para relación sana" son dúas das creatividades encargadas pola Consellaría do Mar no marco da campaña 'Galicia sabe a-mar'.

Unha campaña de promoción dos produtos da pesca e a acuicultura entre 2022 e 2023 enmarcada nun contrato que, segundo figura no portal de Contratación Pública da Xunta, foi adxudicado en agosto pasado por un importe de 1,45 millóns de euros, co financiamento parcial do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Unión Europea.

Non tardaron en chegar as críticas e comentarios sarcásticos a respecto dunha nova iniciativa promocional do Goberno galego que axita as redes sociais, após a polémica xerada pola campaña do pasado 25-N —"Non debería pasar, pero pasa"— e a da Federación Galega de Xoieiros —"Es San Valentín, pero ¿y el anillo pa' cuándo?"—.

Os anuncios publicitaranse tamén en radio, prensa, televisión e internet. Aliás, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, apuntou recentemente que a devandita campaña chegará tamén a até 200 municipios españois relacionados co Camiño de Santiago.

"Buscamos que os consumidores sexan conscientes da importancia da elección de cada alimento para a saúde e axudar a configurar unha dieta idónea", dixo o pasado novembro, nun acto de presentación.