“Ojalá me quieras como Rafa Nadal a su Richard Mille”, campaña en castelán para o San Valentín co apoio da Xunta

A Mesa reprocha a Xunta por “esquecer a lingua” nunha campaña do sector polo San Valentín e que conta co apoio da Administración galega.

gn
photo_camera Imaxe da Mesa dun dos cartaces da campaña (Foto: A Mesa)

“Ojalá me quieras como Rafa Nadal a su Richard Mille”, “Es San Valentín pero,¿Y el anillo pá cuando?”, “No importa si usas Casio o Rólex, me conformo con San Valentín”, “Claramente no lo mismo una piedra que un  pedrusco”.

Estes son algúns dos lemas que figuran nunha campaña promocional de cara ao San Valentín e que A Mesa por Normalización Lingüística puxo como exemplo de que “a Xunta de Galiza volve esquecer que a lingua que debe promover como institución é a galega” ao colaborar coa campaña a Administración galega.

.”A lingua que representa a todos os galegos e galegas non pode reducirse ao minúsculo cancelo #galicianamorada”, indican en referencia ao HT que figura na propagand, o único en galego que se ve nos cartaces.

Aliás, e a través das redes sociais, hai unha vaga de críticas contra as propias mensaxes da campaña, que usuarias consideran "rancia" e "machista". Consideran, ademais, que esta campaña rememora outros "erros" da Xunta como a campaña que desenvolveu ao abeiro do 25-N.

A Mesa ten denunciado en anteriores ocasións como a colaboración da Xunta en campañas non se reflice nunha aposta pola lingua propia da Galiza.

Desde esta entidade en defensa da lingua impulsaron nos últimos anos diferentes campañas a prol do galego no sector do comercio, como a campaña ‘Abertos ao galego’, e que implicou centos de estabelecementos por toda a Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística instou hai uns días á Xunta a impulsar unha política lingüística que "garanta a presenza e posibilidade" do uso do galego en todos os espazos, "garantindo" o coñecemento do galego a través do sistema educativo.

"É especialmente preocupante", advertía o presidente da entidade, Marcos Maceira, que case 30% da poboación menor de 20 anos declare "serias dificultades ou imposibilidade de expresarse" na lingua propia.

Cómpre lembrar, ademais, que a ILP impulsada no seu día pola Mesa en apoio ao galego nas relacións comerciais superou as 20.000 sinaturas.

Comentarios