PALABRAS CON MEMORIA

Hai moitas cousas que facer e moitas maneiras de facer as cousas

Cabo Fisterra
photo_camera Non é nada recomendábel tirarse de busios en Cabo Fisterra

Albarreche, a.- Á boa de Deus, sen medida, a doután. 

Exemplos: “Botar a albarreche, o que sexa ha de soar”.

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Andar á pillota.- Ademais do significado que apunta algún dicionario de apropiación oportunista, a fonte sinala que esta expresión emprégase para referirse a dúas persoas enfrontadas, que se fustrigan e perseguen. 

Exemplo: “O Paco e mailo Emilio sempre andan á pillota”.

Lugar de escoita.- Quiroga (Lugo)

Fonte.- Xulio López Valcárcel.

Baracalofe, de.- Variante de de balde, gratuitamente. 

Exemplo: “Fun á feira e xantei de baracalofe”.

Lugar de escoita.- Torre- Freán (O Saviñao).

Fonte.- Antonio García Losada/[email protected]

Outros apuntamentos.- A fonte indica que é posíbel que a orixe da palabra estea en Marrocos e sexa derivada da palabra árabe baraka, que significa sorte. Segundo apunta, moita xente da zona fixera servizo militar en África.

Casqueiro,de.- De lado, de esguello. 

Exemplo: “Dábame o sol de casqueiro e por iso non vin o sinal”.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl Navia de Suarna.

Envoltas ás.- Metido en fariña, ocupado en…

Exemplo: “Agora ando ás envoltas con outro asunto”.

Lugar de escoita.- Corme (A Coruña)

Fonte.- Xulio López Valcárcel.

Pé manguiño, a.- Manterse ou desprazarse sobre un pé, á pata coxa.

Exemplo: “Andou máis de cen metros a pé manguiño”.

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).

Fonte.- Mar Llinares García.

Tirarse de busios.- Tirarse ao mar de cabeza.

Exemplo: “O del é ir ao peirao e tirarse de busios”.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
………………………………………………………………...

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

Comentarios