A NENA DISCRIMINADA EN CASAS NOVAS

"Grazas a vós síntome máis acompañada"

A rapaza, de dez anos, remitiu unha carta á Mesa pola Normalización Lingüística na que afirma que o seu "propósito" é que ninguén sexa discriminado por falar en galego. 

IMG_1679
photo_camera [Imaxe O.R.]

Através dunha carta remitida á Mesa pola Normalización Lingüística a rapaza agradeceu o apoio amosado pola entidade e a maré de persoas que se volcaron na defensa do idioma ao longo desta semana. 

Mantense no anonimato mais quixo trasladar o seu agradecemento ás persoas e entidades --a comezar pola propia Mesa-- que, após coñeceren o seu caso, amosaron a súa solidariedade con ela na defensa da lingua galega. 

Con data de 29 de xullo e nunha carta escrita a man, a nena que foi discriminada polas monitoras do campamento organizado polo Clube Hípico Casas Novas de Arteixo, agradeceu "todo o que fixestes, perdendo o voso tempo en min", sinala, en relación á concentración que decorreu perante as instalacións do clube na cuarta feira. 

"Quero que saibades que o meu propósito é que non llo fagan a outra persoa"

"Grazas a vós síntome máis acompañada", acrecenta quen amosou unha firmeza absoluta na súa loita a prol do galego. "Quero que saibades que o meu propósito é que non llo fagan a outra persoa", conclúe.

Desde A Mesa agradeceron nun comunicado de imprensa a "valentía" da nena e por terse decidido a denunciar. Neste senso, a entidade en defensa do idioma lembran "cada verán en moitos campamentos do noso país, moitas nenas e nenos sofren humillacións e desprezos sememellantes por falaren a nosa lingua". 

Así pois, recordan a liña telefónica que manteñen aberta para denunciar calquera discriminación ou violanción dos dereitos lingüísticos 902 106 474 e o enderezo electrónico disponíbel para tal fin [email protected]

Comentarios