Gonzalo Navaza: "A competencia en materia toponímica corresponde ao Consello da Xunta, aínda quedan cousas pendentes"
Gonzalo Navaza, socio fundador da Asociación Galega de Onomástica, académico da Real Academia Galega (RAG) no Seminario de Onomástica e profesor da Universidade de Vigo (UVigo), analiza con Nós Diario a restitución toponímica anunciada esta semana pola Xunta da Galiza.
—Que análise se pode facer da restitución toponímica que anunciou esta semana a Xunta da Galiza?
A competencia en materia de toponímica corresponde ao Consello da Xunta. Moitas son cousas minúsculas, incorporación do artigo, supresión do artigo, algúns que o tiñan e non é exhaustiva, é dicir, que aínda quedan cousas pendentes.
Traballamos fundamentalmente nas provincias da Coruña e de Lugo, onde había moitos núcleos de poboación que non estaban incorporados. Agora estamos traballando máis nas provincias meridionais, unha parte do traballo foi incorporación de entidades de poboación novas e outra consistiu en corrixir algunhas das formas que estaban oficializadas. Como algún afectaba a nomes de concello tiveron unha máis repercusión.
—Quedan na Galiza topónimos deturpados?
Quedan, ou polo menos, quedan sospeitosos ou obxecto de estudo que hai que traballar con eles. É dicir, que hai moitos ditames pendentes dun estudo máis exhaustivo.
Un é o caso de Manzaneda, Maceda de Trives, ese é un caso ben particular porque non é unha castelanización que se deu a partir do século XV, como pasa na maior parte dos casos. Senón que se produciu xa na Idade Media, ten que ver co feito de que pertencía ao territorio da diocese de Astorga. Pero sobre todo a partir do século XIV, co condado de Benavente, é dicir, o señorío dos Pimenteis, os condes de Benavente. Entón, ese é un bastante particular; empezamos a traballar sobre el, non se emitiu o ditame aínda.
Os Brancos, por exemplo, ese ten un problema de atestacións, non dispomos de rexistros históricos máis que relativamente tardíos. O que pasa é que hai outros topónimos equivalentes, dos cales si que temos documentación medieval; por exemplo, había unha rúa de Ribadavia que era a rúa dos Brancos e de aí hai moita documentación, pero en concreto deste non.
Moitos concellos cando se crearon no século XIX, os concellos actuais, algúns non tiñan tradición municipal, nin sequera había unha poboación que destacase sobre outras; entón pois ás veces saíron concellos a partir de topónimos que non tiñan unha tradición histórica moi consolidada, como é o caso deste.
Había outros como é o caso do Campo Lameiro que naceu como unha especie de topónimo artificioso para recoller o nome de dúas localidades, unha era O Campo e outra era Lameiro que formaban parte do mesmo municipio. Como na fala popular continuou utilizándose o artigo para a capital, que é O Campo, pois aí incorporou o seu artigo, que en realidade era o artigo dun dos topónimos.
Son moitísimos, cada un ten as súas particularidades e aínda hai bastante que remexer. Logo hai outros máis problemáticos que non estaban detectados ou algúns que na actualidade non coinciden exactamente coas fronteiras dialectais. No caso da toponimia compostelá, por exemplo, hai parroquias onde conviven a forma Arís e Aríns, aí é moi difícil trazar unha fronteira ou chegar a saber cal era o histórico.
—Cal pensa que foi o motivo polo que certos topónimos non se restauraron?
Maceda é un caso un pouco particular porque se consolidou. Primeiro viña favorecido pola pertenza á diocese de Astorga e, en segundo lugar, pola homonimia que tiña co territorio veciño de Maceda (Allariz-Maceda). Porque non é unicamente o nome dunha localidade, era tamén o nome de territorio, tanto a de Trives como a de Allariz-Maceda.
É un caso especialmente problemático porque se consolidou a forma castelanizada na época en que o galego non estaba ameazado polo castelán. Ten que ver coa Guerra Civil do século XIV, entre Pedro I e Henrique de Trastámara, e eu penso que Henrique de Trastámara crea o que se chaman a nobreza nova castelá, cos beneficiados das Mercedes. Como a familia Pimentel que é unha familia de orixe aristocrática portuguesa que abandona Portugal porque estaban enfrontados á Casa de Avís e reciben de Henrique de Trastámara o que co tempo foi o condado de Benavente.
Esas terras orientais víronse afectadas por esa circunstancia, foi case máis o poder civil que se sumou ao poder relixioso, os que consolidaron o castelanismo.
—Aliás destes dous casos, existen outros topónimos galegos que poderían mudar a súa forma nun futuro, como é o caso de Agolada (O Deza), Mañón (Ortegal), Cualedro (comarca de Verín) ou Boborás (comarca do Carballiño). Cal sería a forma correcta?
Cando hai unha alteración da forma etimolóxica, pero non é atribuíbel ao castelanismo, non suscitamos a desconfianza. É dicir, por exemplo, Boborás vén de Aboborás. A interpretación dese ‘a’ como artigo é tamén antiga e non ten que ser necesariamente un fenómeno propio do castelán. É un fenómeno propio do galego semellante ao que pasou no Grove ou no Incio.
O da Agolada, pois en principio, non sei se se lle vai tocar. A forma etimolóxica ten que ser A Agolada, porque é un composto de aqua; pero que eu saiba non hai ningunha proposta de modificalo.
A xunta parece que se comprometeu, despois da aprobación desta actualización do Nomenclátor, en facer anualmente a revisión ou a actualización. Porque sendo anual primeiro non son tantos os que se modifican de cada vez, o que che permite ir resolvendo esas cousas.
O de Mañón pola dobre ‘a’ de Maañón das atestacións históricas. Este tratouse xa cando foi da primeira revisión do Nomenclátor porque constatamos que convivían as dúas formas, Mañón e Maañón. Finalmente se non nos atrevemos a modificalo foi porque conviven as dúas formas e a redución da vogal non consideramos que fose un castelanismo. Outra é o do artigo porque non só era Mañón, senón que a denominación popular era O Mañón. Cando lle chegue o seu momento pois, ao mellor, volvemos a el; pero, en principio, a primeira revisión que se fixo non se lle tocou.
De Cualedro descoñecíase a etimoloxía. Agora que sabemos que é un fitónimo derivado do nome do antigo nome latino das abeleiras, pois esperaríase Coledro e non cua. Pero como é unha zona onde din cuanto, cuadro ou guardar, pois ese ‘u’ de cua en principio non é etimolóxico. Mais tampouco é necesariamente atribuíbel ao castelán, de maneira que non está pendente de modificar.


