O goberno local de Ribeira destina 3.300 euros a deturpar o seu topónimo

Instala dous letreiros xigantes coa palabra ‘Riveira’ en sendas rotondas da vila, vulnerando así varias leis e decretos. O BNG denuncia o feito perante a Valedora do Pobo, o Parlamento e a SXPL.

Ribeira Riveira

Non é unha novidade que o goberno local de Ribeira vulnere conscientemente a lei de normalización lingüística, o decreto que fixa o nomenclátor correspondente ás localidades galegas ou faga ouvidos xordos á Real Academia Galega, Valedor do Pobo e Secretaría xeral de política lingüística (SXPL). Todo para teimar no uso do termo deturpado ‘Riveira’, fomentando o seu uso entre  todo o persoal municipal, empresas que rotulan, cartalaría, publicidade, documentación e sinais viarios.

Mais desta vez, o goberno local ribeirense ven de facelo’ao grande’: Instalou dous grandes letreiros co nome deturpado do municipio en sendas rotondas. Denúnciao Luís Pérez Barral (BNG ribeirense), que informa que o executivo municipal de Ribeira gastou 3.328,84 euros, reflectidos na factura da Xunta de Goberno Local celebrada o día 1 de marzo de 2018, nesa acción. Para o Bloque, “este feito mostra con claridade como o equipo de goberno gasta cartos públicos para vulnerar as leis aplicábeis á toponimia e desatende os requirimentos de diferentes institucións, como a da Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que en reiteradas ocasións lle exixiron que non se deturpase a toponimia e se procedese a cumprir coa lexislación, sen que isto supuxese un cambio de actitude e moito menos, o cumprimento da legalidade”.

O BNG de Ribeira vén de poner estes feitos en coñecemento da SXPL e Valedora do Pobo, animando estas institucións a que “inste a restituír a legalidade vixente e se lle obrigue ao Concello de Ribeira a acatar co que dicta a lexislación”.

Comentarios