"En gallego no": a resposta que recibiu Carlos Callón nunha notaría de Compostela

O escritor e profesor denuncia a “naturalidade da exclusión” da lingua galega nos trámites notariais.

Carlos Callón. (Foto: Marcelo Vegi)
Carlos Callón. (Foto: Marcelo Vegi)

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou este mes os datos sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, procedentes dun estudo elaborado a partir de 9.200 enquisas. As cifras certifican unha caída de galegofalantes entre a mocidade e sitúan o español como lingua máis falada habitualmente na Galiza. Así, os datos publicados IGE debuxan un escenario moi complicado para o galego, de modo especial entre a mocidade, pero o certo é que vivir en galego en pleno 2024 é, cando menos, complexo.

A situación que viviu o escritor e profesor Carlos Callón esta semana así o certifica. O pasado día 28 de outubro acudiu a unha notaría da capital galega para facer un trámite. “Todo ía ben e sen problemas até que solicitei que toda a documentación se tramitase en galego”, relata Callón a Nós Diario. A resposta que recibiu por parte da persoa que o atendía sorprende “pola súa naturalidade”: “En gallego no. Las cosas que vengan del banco, si vienen en gallego, las tramitamos así, pero no hacemos ningún documento en gallego”.

Segundo sinalan desde a Mesa pola Normalización Lingüística, o artigo 149 do regulamento do notariado di que as escrituras redactaranse na lingua oficial que os outorgantes acorden. “Redactar en galego non é unha opción das notarías. Tamén non é negarse ou informar falsamente”, afirma a entidade.

“Non estamos falando do ano 1974”

Carlos Callón, que xa presentou unha queixa ante o Colexio do Notariado e a través da Liña do Galego —o servizo da Mesa para a tramitación de queixas, consultas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos—, sinala que este “non é un caso illado”. “Estamos falando de outubro do ano 2024. Non estamos falando do ano 1974, nin do final do franquismo nin do comezo da autonomía. Hai un Estatuto da Autonomía, unha Lei de Normalización, un Plan xeral de normalización da lingua galega”, e os postulados que recolle toda esta lexislación “na práctica, non se están a cumprir en absoluto en moitos ámbitos”, como no caso, por exemplo, “de moitas facultades universitarias”. “É como se o galego non fose oficial”, afirma Callón.

Ademais, o feito de que o escritor publicara este caso nas redes sociais fixo que moitas persoas se sumasen e deran a coñecer tamén outras vivencias nas que sufriron discriminación lingüística. “O meu pai hai un par de anos mercou un baixo comercial. Quixo escriturar a compra en galego e obrigárono nesa notaría a facelo en galego a castelán para poder facelo en galego. Todo sexa dito, cobran por páxina e facelo en galego supuxo pagar o dobre”, sinala, por exemplo, Luís do Río nun comentario na rede social Instagram.

“Calquera situación que vulnere os nosos dereitos lingüísticos pódese e débese denunciar”, afirma Callón, pois a situación da lingua galega en moitos ámbitos é tal que “parece que temos que saír á rúa para dicir ‘Oficialidade xa!’”.

Comentarios