A Mesa denuncia discriminación a galegofalante

Funcionarias da delegación da Xunta en Lugo a unha usuaria: “Yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”

A Mesa pola Normalización Lingüística informa que está a tramitar queixas ante diversas institucións para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación "dos dereitos máis elementais".

delegacion xunta lugo
photo_camera Delegación da Xunta en Lugo. Imaxe: Xunta

A Mesa pola Normalización Lingüística recolle una nova queixa por discriminación a una persoa galego falante. Desta volta en lugo. Aconteceu, explican desde a MNL nun comunicado, o pasado 26 de febreiro. Unha veciña dirixiuse a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego.

A funcionaria  entón, segundo este relato respondeulle: “¡No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita, lembra A Mesa, que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante a contestación da funcionarioa, a usuaria díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando poder falar con outra persoa.

Sempre segundo o relato, cando a usuaria se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese e a resposta da empregada pública foi: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”

Vulneración

A Mesa informa que está a tramitar queixas ante diversas institucións para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación “dos dereitos máis elementais “.

As funcionarias que lle negaron a posibilidade de ser atendida en galego  vulneraron, afirma a Mesa, dereitos lingüísticos elementais tales como o contemplado no Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4. que promulga que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, a Lei 3/1983 de normalización lingüística no artigo 6.1. recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.

A negativa das funcionarias de atender esta persoa nun idioma oficial contraviría tamén lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

Para Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, estes feitos supoñen un caso de racismo lingüístico. Desde a Mesa exíxenlle á Xunta de Galiza que condene publicamente esta discriminación lingüística e que tramite un expediente a estas dúas funcionarias.

Comentarios