"Feliz día de las letras gallegas": Aena lanza unha promoción en castelán no aeroporto Rosalía de Castro con motivo do 17 de maio
Aeroportos Españois e Navegación Aérea (Aena), o ente público empresarial encargado da navegación civil aérea e dos aeroportos civís no Estado español, vén de lanzar unha campaña desexando un “feliz día de las letras gallegas”, pola cal fai varios regalos por compras superiores a 15 euros no aeroporto Santiago-Rosalía de Castro.
“Empeza a viaxe das mil historias con Enjoy Aena. Até o 18 de maio no Aeroporto Santiago-Rosalía de Castro poderás gozar de moitas sorpresas que preparamos para ti por compras iguais ou superiores a 15 euros nos estabelecementos do aeroporto”, salienta a compañía, iso si, en castelán.
Trátase do agasallo dunha tote bag ou un marcapáxinas exclusivo do ‘Día das Letras Galegas’, do agasallo dunha camelia. E, ademais, salienta o ente encargado da navegación civil no Estado español, poderás levar un poema personalizado.
Se ben é certo que ao pór a páxina en galego (por defecto sae en castelán) sae unha publicidade no idioma propio da Galiza, ao premer nela e entrar na páxina propia da promoción, esta só está dispoñíbel en castelán. Todo isto, a pesar de ser o aeroporto da capital galega, de estar dedicado a unha figura como a de Rosalía de Castro, e de que a promoción sexa sobre o día dedicación ás Letras Galegas.
O caso de Baiona
Non é o primeiro acontecemento similar nos últimos días. O Concello de Baiona (comarca de Vigo), gobernado polo PP, vén de anunciar en redes sociais un acto do que denomina "Día de las Letras Gallegas", nunha publicación en castelán que relega a un segundo lugar o idioma propio da Galiza precisamente na semana na que se conmemoran as súas letras.
Desta maneira, o Goberno municipal dá publicidade a un acto que chama "Ruta de las Palabras Olvidadas", que se trata, segundo din, dunha visita guiada polo centro de Baiona pondo en valor o patrimonio material e inmaterial "a través de las palabras de la lengua gallega".
A Ruta das Palabras Esquecidas é anunciada tamén nun cartel en galego, mais o castelán é presentado como primeira opción. Aínda sendo un acto polo Día das Letras Galegas, unha denominación oficial deturpada polo Concello de Baiona, o galego fica como 'unha segunda opción' para o Concello.
O feito de relegar o idioma propio no anuncio do acto dunha xornada tan senlleira como o Día das Letras Galegas ficou no albo das críticas das usuarias das redes sociais, que sinalaron que é "unha vergoña" o trato ao galego do Goberno municipal que encabeza o alcalde Jesús Vázquez Almuíña, ex conselleiro de Sanidade con Alberto Núñez Feixoo de presidente da Xunta.

