mércores 21/10/20

A Xunta destina 6,5 millóns de euros á gratuidade de prazas en gardarías privadas de segundas crianzas

Os sindicatos critican a medida e reclaman ampliar a rede pública.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, visita as instalacións da Escola Infantil Santa Susana.Escola Infantil Santa Susana, Santiago de Compostela.
A medida implantarase a partir do 1 de abril deste ano (Xunta)

O Consello da Xunta da Galiza habilitou onte mecanismos para que, desde o 1 de abril, as prazas das escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para as segundas e sucesivas crianzas. O Goberno tamén aprobou unha partida de 6,5 millóns de euros, ampliábel en caso de que sexa necesario, para estender esta medida aos preto de 200 centros privados do país.

Segundo informou a Xunta, bonificarase o 100% do prezo da mensualidade nos centros privados cun custe de até 260 euros por unha praza de xornada completa. A maiores, tamén se cubrirán os gastos da matrícula sempre e cando non superen os 200 euros.

O Goberno adiantou que "para facilitar o funcionamento económico das escolas se vai conceder un anticipo de 90% da cantidade que lles corresponda". Son os propios centros privados que cumpran os requisitos os que poderán solicitar a correspondente bonificación, que poderán requerir ao longo do mes que suceda a súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) o 1 de abril.

Críticas dos sindicatos

"Parécenos impresentábel que esas prazas en centros privados vaian ser gratuítas", resume o  representante de CIG-Ensino, Suso Bermello, en conversa con Nós Diario.

José María Fuente, de CCOO, salienta que a decisión do Goberno galego "non nos parece razoábel". "Entendemos medidas como os cheques de axudas para que as familias cuxas crianzas non poidan asistir a unha escola da rede pública teñan unha praza na privada, pero desaprobamos totalmente esta medida", engade Paula Carreiro en declaracións a este medio.

As tres representantes sindicais coinciden na necesidade de ampliar e mellorar a rede pública de escolas infantís. "Esta xa era escasa na etapa previa ao bipartito, e aínda que a creación do Consorcio de Igualdade e Benestar e a apertura de novos centros supuxo un salto cualitativo, está claro que fan falla máis", asegura Bermello.

"Cómpre facer unha análise pausada da situación actual dos centros de 0 a 3 anos, engadindo aulas onde sexa preciso ou creando escolas novas se fai falta", apunta Carreiro.

A mesma medida foi aprobada pola Xunta da Galiza para os centros de titularidade autonómica ou xestionados por entidades sociais. A maiores, o Goberno galego anunciou que a estenderá tamén aos centros de titularidade municipal. 

comentarios