"Deseucaliptización", Palabra do Ano 2018

Tivo máis da metade dos votos na iniciativa do ‘Portal das Palabras’. A segunda palabra máis popular foi feminismo.

voluntarios en Froxan brigadas imaxe de Froxan
photo_camera Brigadas deseucaliptizadoras

“Deseucaliptización” é a Palabra do Ano 2018, collendo o relevo así de ‘afouteza’, que o foi en 2017. Deseucaliptización logrou 3.114 dos 5.724 votos emitidos. A segunda palabra máis popular foi, con 1.032 votos, feminismo, nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo da fin da desigualdade por motivos de xénero. Este ambiente tamén se reflectiu na presenza na final de sororidade, que acadou 641 votos, e apoderamento, con 316. Entre estes dous termos colocouse fariña, con máis de medio milleiro de votos nunha listaxe que pechou fascismo.

Non é a primeira vez que a preocupación pola xestión do monte deixa pegada na elección da Palabra do Ano. En 2017 venceu afouteza, pero entre as finalistas estiveron vaga de lumes e a forma oposta á gañadora de 2018, eucaliptización. Desta volta a gañadora apela ao proceso de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento social.

Os neoloxismos eucalipitación e deseucaliptización describen esta tendencia da nosa masa forestal e o seu reverso. Aínda que non figuran non Dicionario da Real Academia Galega, axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. A partir do substantivo eucalipto e mediante a sufixación, xurdiu o verbo "eucaliptizar". Engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo "deseucaliptizar", e de aí "deseucaliptización", que sería o substantivo que indica acción.

.


O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Desde 2014 convida a todas as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

Comentarios