A Deputación de Lugo celebra as Letras Galegas cun ciclo nas redes
A área de Cultura da Deputación de Lugo celebrará as Letras Galegas cunha programación especial en liña co nome As Letras en rede. Trátase dun novidoso ciclo cultural que se poderá seguir a través das redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) entre 17 e 27 de maio ás 19 horas.
Artistas de primeiro nivel
Neste ciclo participarán Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lois López, Olga Novo e Marina Oural. Ademais dos artistas citados -músicas, actores, actrices, narradoras e poetas-, que volveron actuar despois de semanas sen actividade, a programación involucrou unha ducia de profesionais das comarcas de Lugo que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no auditorio do Gustavo Freire. A iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano a Ricardo Carvalho Calero.
Apoio ao sector
Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, sinalou que "non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, no teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento".
Ferreiro lembrou que tamén se "axilizou a tramitación das axudas a entidades e asociacións culturais previstas nos orzamentos, cun importe de 638.000 euros" e que "se traballa para adaptar as programacións previstas para o futuro segundo evolucione a pandemia en cada momento".
No concello de Lugo tamén se aprobou inxectar 33.300 euros ás librarías da cidade en concepto de adianto das axudas de material escolar. Cada estabelecemento recibirá 3.300 euros para renovar os fondos das bibliotecas municipais Isidro Novo e do Vello Cárcere. Segundo explica Felipe Rivas, concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, "trátase de libros en galego, co obxectivo de axudar tamén ás escritoras e escritores do noso país".