Defender o galego alén das reformas legais
Malia que se trataba dunha ameaza patente, a recente enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre "coñecemento e uso do galego" fixo saltar todas as alarmas: por primeira vez na historia, o galego deixaba de ser a lingua máis falada do país, en beneficio do castelán.
O Goberno galego, alarmado ante o panorama que se debuxaba -e que non deixaba de visibilizar o seu absoluto fracaso no ámbito da política lingüística- organizou e presentou a toda velocidade unha campaña que animaba a cidadanía a falar en galego... por primeira vez en quince anos. Mentres, os partidos da oposición e as organizacións de defensa da lingua, falaban abertamente de "emerxencia lingüística". A preocupación social facíase patente na sinatura dunha declaración unitaria asinada por 170 entidades sociais do país que recollía as medidas urxentes para definir un cambio de rumbo.
Todo desembocou, polo de agora, na convocatoria dunha manifestación nacional para o domingo, 23 de febreiro, Día de Rosalía, baixo o lema Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística. Desde entón numerosas accións de vindicación do idioma trataron de chamar a atención sobre a ambigüidade co que a Xunta actúa ante esta situación: un día preséntase como conciliador contemplando a posibilidade de inserir modificacións no "decreto do plurilingüismo", e ao seguinte elimina a obrigatoriedade do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega na contratación de persoal laboral.
Máis alá da reforma
Pero, máis alá da mobilización social e da protesta política, como debería reaccionar a sociedade ante esta nova situación?
"Organizarse é importante", sinala a Nós Diario Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, plataforma que convoca a manifestación deste domingo. "Apoiar as organizacións de defensa da lingua, participar nas accións reivindicativas... A acción colectiva sempre provoca cambios. Pero a nivel individual, é importante reclamar a presenza do galego en todos os ámbitos. Se no noso contexto máis próximo conseguimos avances, tamén estamos propiciando avances a nivel xeral. Se nun Concello se reclama o uso do galego nas actividades que organiza, xa estamos axudando a incrementar a presenza da lingua no espazo público, e que estea no ambiente é indispensábel para que se produzan mudanzas no seu uso".
Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), fai un chamamento, ademais, a aproveitar todas as oportunidades posíbeis. "A sociedade civil está moi atenta á responsabilidade dos axentes políticos e nese sentido, por moito que discrepemos -e a RAG ten sido moi crítica con determinados aspectos do tratamento da lingua por parte da Administración- ten que haber un espazo de diálogo. O patrimonio da lingua non pode ser motivo de distancia, hai que facer un esforzo por crear puntos de encontro, empezando polo Goberno, que é o responsábel da política lingüística, pero tamén por todos os que estamos inmersos nesta cuestión", indica a este xornal.
Desde o ensino
A ninguén se lle escapa que o ensino é un ámbito fundamental no que actuar para reverter a situación. Isabel Calvete, presidenta de Anpas Galegas, está convencida de que "a sociedade civil é a que pode cambiar esta realidade. Por suposto que a Administración ten que cambiar e adaptar as leis para deter este proceso, pero o peso e a responsabilidade está en todos nós", afirma a este xornal.
Calvete cre que hai que empezar desde o ensino. "O famoso decreto do plurilingüismo que limitaba a un terzo as materias que se podía impartir en galego foi unha catástrofe, e temos que facer o que sexa por eliminar esa restrición. Polo que nos está chegando, nin sequera é seguro que se cumpra con esa porcentaxe, e temos que presionar para que desapareza calquera límite ao galego. É unha lingua oficial da Galiza e temos que forzar que calquera comunicación, que calquera actividade extraescolar... se desenvolva en galego: hai que normalizar a lingua, se non seguiremos vendo, igual que agora, como se perden falantes", sinala.
Normalización, o termo esquecido
Normalización é o termo no que insiste Sofía Rama, integrante da directiva da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. "As palabras definen a realidade e o que non se nomea non existe. Lamentabelmente, moitas persoas no ensino asumen o vocabulario da Xunta. Resulta desolador que se teña renunciado ao concepto de normalización para substituílo polo de dinamización. E por suposto, non son o mesmo: a dinamización, en ocasións, non pasa de empregar a lingua como elemento folclórico. Casualmente, dinamización é o termo que usa o decreto do plurilingüismo".
Rama considera que a enquisa do IGE, en realidade "retrata moi ben o mundo da docencia: o profesorado asumiu o vocabulario da Xunta e os equipos de normalización pasaron a ser organizadores de eventos e festas".
Outro elemento no que incide a docente é o da oralidade. "Nas aulas, por riba da legalidade vixente, óbviase a oralidade para cargar todo o peso na parte memorística dos exames. Por iso o secretario xeral da Lingua [Valentín García] pode dicir que o alumnado aproba as materias de galego na mesma medida que as do castelán. Pero despois ves que os rapaces non saben falar nin escribir en galego, por moito que saiban de memoria as regras gramaticais. O certo é que non teñen competencias na lingua. Hai que adoptar un enfoque comunicativo traballando a oralidade, é a única maneira de que a lingua sexa un instrumento social. E iso, por outra parte, é o que nos di o marco lexislativo".
En termos parecidos pronúnciase o investigador Xurxo Martínez, que traballa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. "Non se pode xeneralizar porque moitas veces estas cousas dependen das persoas que constitúen os equipos. Pero a miña experiencia dime que os servizos de normalización se transformaron en servizos de tradución e corrección. Hai que saír á rúa e atoparse coa cidadanía. Se ti organizas unhas xornadas co alumnado dos colexios e institutos arredor dunha data -o Día das Letras Galegas ou o Día de Rosalía- podes iniciar unha reflexión sobre determinadas cuestións: por que as fichas da rapazada dun equipo de baloncesto están castelán? Por que a megafonía dun polideportivo pon música en inglés e en castelán? A partir de aí, podes facer pedagoxía."
Martínez cre que a sociedade é a que, acubillada pola Administración, ten que ter un papel protagonista en reverter a situación de emerxencia na que se atopa o galego. "A Administración ten unha responsabilidade sobre a lingua, pero a sociedade é corresponsábel. Non ten sentido que a Administración leve adiante un marco lexislativo favorábel ao galego e que despois non teña implantación. Se cadra, o que necesitamos non é un novo plan, senón volver ao que xa tiñamos cunha dotación orzamentaria digna para impulsar e crear un clima propicio".
Ese clima propicio é tamén o que defende Flora Miranda, médica e coordinadora da Irmandade da Sanidade Galega, que tamén cre necesario recuperar a normalización como concepto. "Na sanidade percibo aínda moita diglosia: pacientes que son galegofalantes diríxense a nós en castelán porque cren que é o correcto. No noso campo debemos ser máis proactivas e fomentar o uso do galego en todas as situacións, malia que desde a Administración non se propicie moito ese uso da lingua".
Miranda cre que hai que crear un clima de acollida ao galego non só entre sanitarios e pacientes, senón tamén na comunicación entre sanitarios. "O castelán non ten por que ser a lingua por defecto da Sanidade Pública. Eu vexo moi poucos historiais escritos en galego, pero si percibo que hai unha xeración máis nova que se enfronta coa cuestión lingüística con menos prexuízos".
No que todos están de acordo é en que, malia que se incrementaron algunhas respostas negativas, a actitude xeral ante o galego é maioritariamente favorábel. "Hai un trazo afectivo que temos que explotar, facendo pedagoxía e saíndo en busca da cidadanía", resume Xurxo Martínez.
A lingua e a cultura como sinais de identidade
O mundo da cultura, en principio, parece o máis favorábel ao uso do galego, pero esta é unha afirmación discutíbel. Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, advirte de que "a relación entre galego e castelán foi cambiando, a favor do galego desde o fin da ditadura, pero ultimamente, quizais polo atractivo que pode supor acceder a un mercado máis grande, a atracción do castelán semella maior. Pero o certo é que, agás casos moi contados, o traducido acaba sendo consumido polo mercado interior galego. É preciso agora que os escritores teñamos unha militancia clara co galego e que non se confundan as preferencias ideolóxicas coa necesaria distancia das políticas de promoción do galego que as institucións están obrigadas a implementar. O territorio da escrita debe ser xa unha Galiza liberada".
Marcos Nine, cineasta e membro da Asociación Sindical Galega de Guionistas apunta aos factores industriais que inciden no audiovisual. "No Estado español hai moi pouca tradición de empregar as linguas diferentes do castelán, e precisamos presionar para que entidades como Televisión Española, por exemplo se transforme nun vehículo de normalización. De feito, debería ser unha obriga legal". Hoxe, as plataformas de distribución tenden máis ao consumo individualizado, o cal debería repercutir en favor das producións rodadas en galego. "Pero estes son temas que a sociedade civil ten que pelexar para que teñan impacto na representación política e que iso se traduza en cambios nas institucións. Por iso está ben manifestarse a favor da lingua, para que se vexa que hai un peso social que valida esas mudanzas", remata.