CTNL denuncia que a Xunta dificulta a aprendizaxe do galego para adultos e esixe a anulación do Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) esixe á Xunta a anulación da convocatoria de cursos do Celga 2014 e reclama unha mellor planificación do goberno galego. A Xunta prevé planificar, convocar, publicitar, xestionar e tramitar os cursos en só 12 días, sen datas de realización.

celga
photo_camera celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) está a conseguir, segundo técnicos e técnicas de normalización lingüística da administración local e a propia CTNL “dificultar cada vez máis que unha persoa que queira aprender galego poida facelo”. Reclaman así que anule a convocatoria dos cursos preparatorios para as probas Celga 2014 e propoñen un novo método que facilite asistir a cursos de formación. 

Quen asina a solicitude son técnicas e técnicos das sete cidades e tamén de vilas e comarcas do país, encargadas da xestión dos cursos ademais da Coordinadora que agrupa aos profesionais de normalización de todo o pais. A convocatoria que recibiron nos seus departamentos supón, segundo denuncian “«un grave paso atrás que empeora notablemente a xa mala planificación e xestión da formación lingüística da poboación adulta», polo que esixen “que se anule de xeito inmediato”. Entre outras razóns polas que chegan a esta medida, enumeran que a convocatoria incrementa a dificultade, fai máis difícil e incómodo o método de inscrición e contempla uns prazos “ridículos” que imposibilitan a difusión do programa. En total, a Xunta quere que en doce días se planifique, convoque, publicite, xestione e tramite a realización dos cursos. 

Solicitan, polo tanto, que a comunicación informal recibida quede “en papel mollado” e que a Xunta realice unha planificación que facilite o acceso da cidadanía aos cursos de formación na nosa lingua. Técnicos e técnicas reclaman que a Xunta repare nas miles de persoas que precisan os cursos, moitas veces para a súa propia inserción laboral e non poderán facelos pola mala xestión da SXPL.

Unha denuncia con antecedentes 

Non é a primeira vez que técnicos e técnicas esixen que a Xunta planifique con máis rigor a realización dos cursos Celga e así, desde a CTNL lembran que levan xa anos reclamando melloras que se traducen neste caso nun “paso atrás que empeora aínda máis a xa mala xestión que había”. A SXPL ten nas súas mans desde o 2012 unha “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga”, elaborada desde os diversos ámbitos implicados no proceso de normalización que, segundo din, nunca foi atendido. 

Non impide esta queixa, o compromiso e a recomendación das persoas denunciantes na difusión e promoción dos cursos e na indicación aos concellos para que contribúan a informar sobre eles, á marxe de que insistan na necesidade da súa anulación e unha nova planificación. 

Comentarios