luns 06/12/21

O Congreso aproba parte da proposta de entidades sociais para garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía

A emenda demanda "respecto real" baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas

O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)

A Mesa pola Normalización Lingüística considera "un pequeno paso cara á igualdade" que o Congreso español aprobase esta mañá parte da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos co obxectivo de garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía.

A emenda aprobada recoñece a necesidade de oficializar linguas como o galego en territorios pertencentes a Asturias e Castela-León, acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués -que forman parte do mesmo sistema lingüísitico- e a reciprocidade na recepción de radio e televisión e, por último, demanda "respecto real" baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas. Este punto foi aprobado cos votos a favor de todos os partidos políticos agás VOX.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, valora esta votación como "positiva", na medida en que "abre espazo para que A Mesa e outras entidades continúen traballando a prol do obxectivo da proposta orixinal, que é que o recoñecemento das linguas se concrete en garantías de igualdade real para toda a cidadanía." Maceira recorda, tamén, despois da postura amosada polo PP no Congreso español, que "o PPdeG ten deberes que facer en Galiza: sentarse, falar e executar os acordos acadados".

"Os axentes sociais definimos o camiño e conseguimos que se foran adherindo os axentes políticos", recorda Maceira. "Nesta ocasión non saiu adiante a totalidade do proposto, mais si unha parte moi importante", puntualiza, "a porta está aberta e temos a determinación de volver pór o tema sobre a mesa, porque, coas linguas, estamos a falar de democracia, liberdade e igualdade. Hai moito en xogo e  nós seguiremos traballando".


 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O Congreso aproba parte da proposta de entidades sociais para garantir o uso da lingua...
comentarios