Concha Losada reivindica a lingua ao recibir o Premio Luís Porteiro Garea

A USC imparte case 30% da docencia en galego
Sanmartín, Losada e López, esta terza feira. (Foto: Santi Alvite)
Sanmartín, Losada e López, esta terza feira. (Foto: Santi Alvite)

A presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada Vázquez, recolleu esta terza feira o VIII Premio Luís Porteiro Garea da man do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, pola súa traxectoria a prol da normalización da lingua propia da USC. No seu discurso de agradecemento Losada asegurou que "falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva" e salientou que "é unha honra para min recibir un premio que recoñece unha contribución á promoción e ao emprego da lingua galega, un elemento esencial da miña cultura a quen debo o que son e o país no que vivo".

A profesora da Área de Psicobioloxía da USC puxo en valor o recoñecemento que este galardón lle outorga "ao traballo que fixemos na Comisión de Normalización Lingüística da miña Facultade durante os moitos anos en que eu tiven a sorte de ser a súa presidenta". Neste sentido, Losada Vázquez definiu as premisas que sempre orientaron a súa concepción do uso do galego na universidade. "Teñen que falar galego os mellores profesores e profesoras, teñen que dar clase en galego os mellores profesores e profesoras; se non existen, hai que crear eses materiais de traballo universitario en galego, e non podemos pensar nunha universidade que viva en galego sen que a estrutura administrativa e de servizos viva en galego", asegurou.

O galego na USC

O reitor, Antonio López, lembrou "o compromiso global" da profesora Losada co galego, un compromiso que abrangue ámbitos tan dispares como a docencia, o teatro ou a promoción do traxe. O reitor destacou que o galego gaña terreo nas aulas e chega xa a 29,2% das horas impartidas, a porcentaxe máis alta de toda a serie histórica. O Campus de Lugo imparte 39,3% de clases en galego, mentres que no de Santiago esta porcentaxe sitúase en 27,4%.

Comentarios