PP, PSOE E CS VOTARON EN CONTRA

O Concello de Cee volverá presentar o regulamento do galego cun informe xurídico

Os votos a favor de IxC, grupo de goberno, e do BNG non foron suficientes para aprobar en Cee o regulamento de impulso social ao galego, que terá que volver levar a pleno acompañado dun informe xurídico.

Cee Pleno
photo_camera Asistentes ao Pleno de Cee

O Pleno da Corporación Municipal de Cee debateu na tarde da quinta feira 5 de novembro o regulamento de impulso social ao galego a proposta do Goberno local. Porén, a normativa de apoio á lingua non saíu adiante, ao contar con seis votos a favor –cinco do grupo de goberno, IxC, e un do BNG- e con sete en contra –catro do PP, dous do PSOE e 1 de Ciudadanos.

O regulamento volverá a pleno o próximo mes despois de que o PP propuxera unha vía intermedia, solicitando un informe xurídico que avale a normativa.

A Mesa di que Modesto Rivas “non dubidou en utilizar argumentos machistas para cargar contra o idioma e contra a utilización da linguaxe inclusiva contemplada no Regulamento

A Mesa pola Normalización Lingüística, que estivo presente na sesión plenaria, afirma que a actitude “máis belixerante” dos grupos contrarios á aprobación do regulamento foi a do PSOE. O concelleiro socialista Modesto Rivas “non dubidou en utilizar argumentos machistas para cargar contra o idioma e contra a utilización da linguaxe inclusiva contemplada no Regulamento”.

O argumento empregado no pleno polo concelleiro do PSOE correspondeuse, en boa medida, co informe enviado por Galicia Bilingüe –que advertira de que recorrería o regulamento no caso de ser aprobado- ao Concello. Desta maneira, sinalou que a normativa de apoio ao galego vulneraría os dereitos lingüísticos da sociedade, que non está axustado a dereito ou que é ilegal e improcedente.

Dado o posicionamento do PSOE, a Mesa pedirá a desautorización do grupo socialista ceense por parte do seu partido e anima o conxunto da militancia que sexa “realmente favorábel ao idioma galego”, a mostrar tamén o rexeitamento a “esa actitude vergoñenta dos seus edís en Cee”.

Comentarios