A comunidade educativa pide a derrogación do decreto do plurilingüismo e que o 23-F sexa un "clamor" polo galego

Marcos maceira e Celia Armas, no centro, con representantes da comunidade educativa. (Foto: Arxina)
Anpas, sindicatos e colectivos pedagóxicos urxen a un "cambio de rumbo" para a lingua no ensino

A comunidade educativa quere que o vindeiro 23 de febreiro (23-F) Compostela sexa un "clamor social" a favor do galego na mobilización que convoca Queremos Galego. Así se plasmou onte nunha comparecencia na capital galega, na que representantes de sindicatos, ANPAs e asociacións pedagóxicas demandaron "unha mudanza de rumbo a respecto da lingua galega no ensino". Marcos Maceira e Celia Armas, portavoz e coordinadora de Queremos galego, sinalaron que se a Xunta da Galiza "quere realmente mudar as cousas no galego" dede de facelo "contando coa sociedade". 

Arroupados por representantes de CIG, STEG, CCOO, CSIF, da AS-PG, Confederación de Anpas Galegas e Confederación de Anpas de centros públicos; da Nova escola Galega, e das escolas Semente; Maceira e Armas indicaron que se ben a situación da lingua "é de emerxencia", a situación é "reversíbel". E éo, explicaron, de se activar as "medidas que son necesarias".

Neste sentido, centraron en tres as demandas concretas da comunidade escolar, esas "medidas necesarias" para dar a volta á actual situación lingüística no ensino: a derrogación do decreto de plurilingüismo, a aplicación das propostas do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado por unanimidade en 2004, e atender as recomendacións recollidas polo Comité de Expertos da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa. "Podemos para esta emerxencia lingüística", manifestou Celia Armas. 

"Aquí comparecemos hoxe unha pluralidade de entidades diferentes, con ideas distintas, mais unidas polo galego", dixo Marcos Maceira, poñendo en valor así que a mobilización do 23-F transcende ideoloxías para "sumar a prol do idioma".

Derrogar o decreto

A coordinadora de Queremos Galego centrouse nos efectos do decreto 79/ 2010 sobre o galego n0 ensino. Esta norma, aprobada polo Goberno galego pouco despois da chegada de Alberto Núñez Feixoo (PP) á Presidencia da Xunta limita "a un máximo de un terzo as materias que se poden dar en galego" ao tempo que prohibe que varias delas sexan na lingua propia da Galiza. "Antes de 2010", explicou, "había aulas de inmersión lingüística, que axudaban o alumnado castelán falante a aprender galego" e apuntou a que o PXNL recolle que se dean en galego a metade máis unha das aulas. Todo iso ficou en auga de castañas coa chegada do PP á Xunta da Galiza en 2009. "O ensino é un dos espazos onde máis evidente é a necesidade de mudanza de rumbo", recolle o texto presentado esta sexta feira. "Todos os estudos e informes sinalan que a lingua galega está nunha situación de emerxencia". Para comezar a reverter esa situación, apuntaron esta sexta as persoas presentes, cómpre "apoiar a mobilización do 23-F".

A preguntas da prensa sobre as manifestacións do secretario xeral da Lingua, Valentín García, de que estaban abertos a "cambiar cousas" no decreto, Maceira apuntou a que "tiveron 15 anos para garantir o galego e non o fixeron".

Maceira tamén se referiu á nova publicada esta cuarta feira por Nós Diario sobre que o ex vicepresidente da Xunta Francisco Conde e a ex presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo, os dous do PP, votaron para que o galego non sexa oficial na UE. "Que o galego teña oficialidade na UE é importante para conseguir avances en varios ámbitos", plo que criticou o voto en contra.