Perto de 170 entidades apoian o acto nacional pola lingua: "Vemos que hai necesidade de galego"

Perto de 170 entidades, colectivos e organizacións subscribiron a declaración unitaria pola lingua impulsada por Queremos Galego de cara ao acto nacional deste domingo, 17-N, en Compostela. Un texto que demanda un "cambio de rumbo" nas políticas lingüísticas e que continúa aberto a novos apoios. "É unha mostra da unidade da sociedade galega en torno á lingua que nos une", salienta Marcos Maceira.

A presentación dos apoios reuniu representantes de diferentes entidades e colectivos. (Foto: Queremos Galego)
Queremos chama a participar na convoctaria nacional pola lingua deste 17 de novembro. (Foto: Queremos Galego)

"O 17-N vai ser unha asemblea multitudinaria pola lingua, unha gran convocatoria polo idioma", afirmou esta cuarta feira o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, na presentación dos apoios reunidos nestas semanas á declaración unitaria polo galego. Unha declaración na que as asinantes instan a Xunta "a iniciar un proceso transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas, dotado cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos para o impulso da lingua".

A declaración é tamén un apoio ao acto do 17-N. Un acto que decorrerá na praza da Quintana de Compostela a partir das 12 horas, conducido por Xurxo Souto e no que actuarán as Tanxugueiras. Alí procederase a ler a declaración que até o momento suma 167 apoios de asociacións pola lingua, da comunicación, organizacións políticas, sindicatos, colexios profesionais, institucións empresariais, educativas, deportivas, culturais e mesmo relixiosas, como o Arcebispado de Santiago. "É unha explosión marabillosa de apoios", afirmou Tareixa Navaza, pioneira do xornalismo en galego, quen acompañou a Maceira na presentación desta longa lista de apoios.

"Para que nunca máis haxa pasos atrás na normalización do idioma e deixar atrás a emerxencia lingüística extrema que motiva esta convocatoria", dixo Marcos Maceira, "este domingo día 17 mostraremos publicamente a vontade colectiva de actuar para mudar o rumbo e garantir o futuro do galego". Navaza afirmou que "se non o fai a sociedade [moverse polo futuro do galego], desde logo este Goberno non o vai facer".

Notamos unha reacción na sociedade ante os datos do IGE. Vemos que hai necesidade de galego.

O portavoz de Queremos Galego defendeu que nesa "grande asemblea" na Quintana celebrarase "a activación da sociedade galega pola lingua que nos une", e que nela Queremos Galego decidirá as liñas xerais de actuación na procura da "mudanza de rumbo que o galego precisa para garantirmos o seu futuro".

Reverter a situación

"O proceso de eliminación do  galego pódese reverter, e entre todos farémolo", afirmou Maceira, "asegurando o galego en todo e para todo".  A respecto do 'Pacto pola lingua' que quere impulsar a Xunta da Galiza, Maceira lembrou que "o pacto nacional pola lingua xa existe, é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) que foi referendado unanimemente polo Parlamento da Galiza". Neste sentido, mostrouse moi crítico cunha Xunta que "anuncia un gran pacto político, dando as costas á sociedade galega".

Lamentou así que a Xunta "non contestase sequera" ás solicitudes de encontro solicitadas por entidades pola lingua como A Mesa pola Normalización Lingüística. "Notamos unha reacción na sociedade ante os datos do Instituto Galego de Estatística [que indicaban un grave retroceso no uso da lingua]. Vemos que hai necesidade de galego", concluíu.

Declaración unitaria pola lingua

Novos datos poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua. Son o resultado do predominio e da hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén no lecer infantil e xuvenil, administración, xustiza, televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas. Así o vimos denunciando de hai anos. A mobilización social polo idioma de Galiza logrou que do Consello de Europa ou a ONU dirixisen advertencias á Xunta de Galiza que haberá de mudar a actitude sobre o galego.

Reverter esta situación é posíbel co compromiso de todas e todos, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais. Cómpre, en primeiro lugar, asegurar o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición como indicaba o PXNLG que a pesar do desleixo da Xunta e de non se ter posto en práctica nos último 15 anos, mantén obxectivos plenamente vixentes. O PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, debe ser reactivado como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización.

Puntos mínimos

A Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega, entidades sociais de todo tipo e persoas a título individual a mobilizarse para  un novo rumbo para a lingua cos seguintes puntos mínimos:

1. Vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade en 2004.

2. Elaboración por parte da Xunta de Galiza, Estado e entidades locais, coa participación de entidades sociais, dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas deste Plan, cos recursos necesarios (humanos, técnicos, económicos...) para levalo a cabo.

3. Este calendario contemplará a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións que foren precisas.

Medidas urxentes

Ensino. Derrogación do decreto 79/2010. Aprobación dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas. Garantía inmediata de oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino.

Actividades comerciais e económicas. Asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos.

Cultura e lecer. Recuperar o papel normalizador da TVG, con ampla oferta para o público infantil e xuvenil adaptada a todos os dispositivos e potenciación da artes escénicas e musicais en galego e produción en galego; accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e se aumenten as cotas de dobraxe, lexendaxe, e financiamento anticipado de produción independente. Afortalar o sistema literario e editorial. Uso do galego en actividades deportivas, de tempo libre e extraescolares.

Administración, servizos públicos, sanidade e xustiza. Oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública, for autonómica, estatal ou municipal e incluíndo servizos privatizados dependentes da administración pública. Disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas. Coñecemento de galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as.

Comentarios