Do 'Cando os toxos botaren uvas" a "Cando mexen as galiñas": a fraseoloxía galega, na lección 14 do curso de lingua

Reproducimos a seguir un extracto da lección 14 do curso de galego, sobre fraseoloxía galega, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.

leccion 14

Introdución

Unha expresión idiomática é un conxunto de dúas ou máis palabras que se caracteriza por non ser posíbel identificar o seu significado mediante o sentido literal dos termos que constitúen a expresión. Son formas de expresión propias dunha lingua e que reflicten a súa riqueza ao transmitiren referencias culturais, históricas, lendarias..., a forma de ver o mundo ou a relación co medio de determinado pobo. Deste modo, en xeral, é moi difícil ou mesmo imposíbel traducir moitas expresións idiomáticas para outras linguas. Para coñecermos con propiedade unha lingua temos de saber utilizar correctamente as expresións idiomáticas e fraseolóxicas.

Mais que acontece coas nosas? É claro que na actualidade a fraseoloxía galega está interferida polo español e deturpada pola introdución de expresións castelás de forma directa ou por medio de calcos. Non ten sentido falarmos de “ter enchufe” para conseguir un traballo cando a forma propia é a de “meter unha cuña”. Imos revisar algunhas.

Andar coa cabeza nas nubes

Andar aos biosbardos. Andar na verza. Estar nas patacas.

Son expresións que debemos utilizar se quixermos expresar a idea de 'estar distraída, confusa ou fóra da realidade' e non: *Pensar nas musarañas.

—*Hai que andar pensando nas musarañas para esquecer que hoxe tiñamos o exame de sociais.
—Hai que andar coa cabeza nas nubes para esquecer que hoxe tiñamos o exame de sociais.

Andar con pés de la

Andar con pés de manteiga. Andar como a galiña cos ovos.

Son expresións que debemos utilizar se quixermos expresar a idea de 'actuar con moita cautela; falar a alguén con coidado para obter unha cousa' e non: *Andar con pés de plomo / chumbo.

—*Temos de andar con pés de plomo co alumnado de primeiro curso, son moi pequenos.
—Temos de andar con pés de la co alumnado de primeiro curso, son moi pequenos.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Comentarios