Anpas Galegas comprométese a empregar "como única lingua" o galego e a promover campañas polo idioma

Anpas Galegas tamén anuncia que difundirá só contido, actividades e publicidade que estea en galego. Ademais, cando se reciba a documentación noutro idioma, solicitarase o uso do idioma propio da Galiza.

29-10-2024 ANPAS GALEGAS-4
(Foto: Arxina)

A Confederación Anpas Galegas comprométese a empregar "como única lingua" o galego na súa actividade e na difusión de todo tipo de contidos, así como a promover campañas periódicas polo uso do idioma.

A entidade trasladou este "compromiso firme" ás nove federacións e case 500 asociacións de nais e pais que engloba.

 "Especialmente nós, como familias galegas, temos a responsabilidade de facer todo o posíbel para que a nosa lingua sexa a das nosas fillas e fillos", engade nun comunicado.

Anpas Galegas tamén anuncia que difundirá só contido, actividades e publicidade que estea en galego. Ademais, cando se reciba a documentación noutro idioma, solicitarase o uso do idioma propio da Galiza.

Xunto a todo iso, a confederación esixirá aos medios de comunicación "o respecto á lingua que utilicen" os seus representantes, "que sempre será o galego", nas transcricións escritas.

Comentarios