Ana Pérez: "O camiño é deixar de excluír a nosa lingua do ensino e dos espazos de lecer e tempo libre"
-Que cómpre facer para garantir a presenza e o futuro do galego?
Este 2025 no que o Día das Letras Galegas se dedica ás cantareiras, é un ano no que as rúas están cheas de cantigas, unha festa das Letras inmensa na que moita xente nova está collendo as rúas coa súa pandeireta e cos bailes, porque non hai cousa que faga máis comunidade que bailar e cantar xuntas, é unha parte moi positiva a destacar. O que precisa a nosa lingua é que as administracións públicas, que son de todos e de todas, tomen nota das persoas que damos valor a aqueles signos de identidade que nos fan ser nós. A nosa lingua é un patrimonio inmenso que as administracións están negando a moitas persoas. O que están facendo é negarlles o dereito a vivir na súa lingua e poder gozar dela en todos os ámbitos. Os ataques á nosa lingua están sendo reiterados, soubemos esta semana como se dan axudas extraordinarias a medios en castelán mentres que os medios que fan un esforzo por devolver a lingua que lle foi roubada á xente, non teñen esas axudas públicas. Dóeme especialmente porque neses cartos públicos están tamén os meus, con eses cartos están facendo política contra a nosa lingua, o que me parece unha traizón pagada cos nosos cartos.
-Cal é a transformación precisa para expandir o galego?
A primeira ten que ser que as administracións públicas crean realmente que temos un patrimonio cultural inmenso, que se sintan orgullosas. Teñen que ser modelos de querenza polo noso, pola nosa lingua. As políticas públicas están todas sen facer practicamente, están os adornos postos para situarse atrás deles pero non está o realmente importante. Non se pode deixar caer unha lingua viva nos espazos nos que ten que estar, nos colexios, nos medios de comunicación.... É preciso crear recursos en galego para as escolas, para dinamizar o tempo de lecer das familias, falo de comedores, actividades extraescolares, cines, todo o tempo de lecer, hai moitos destes espazos onde o galego está excluído. O camiño é deixar de excluír nosa lingua deses espazos de lecer e tempo libre e investir nas escolas.
-Que se debe facer co 'Decreto de plurilingüísmo'?
Derrogalo, por suposto. A Xunta está manténdose nunha actitude moi pouco elegante. Se hai unha avaliación clara de que iso non funciona, que até en Europa están dicindo que non funciona, pois temos que facer o que faría calquera avaliación de calquera proceso humano: hai que derrogalo e empezar un camiño novo, pero ten que ser xa. O que se espera dun Goberno honesto é que cando ve que algo non funciona o derrogue . É o que precisamos neste momento para a nosa lingua, pero é urxente, de xustiza e sería moi elegante que o Goberno galego saíse a dicir que non funcionou, imos pórnos as pilas e coller outro camiño, e entón terían a toda a sociedade galega ao seu carón. Espero que este ano todas as administracións se contaxien desta gran festa que é a das cantareiras e que por fin asuman que a cultura popular é a que fai comunidade, é a nosa e a que podemos exportar e compartir. O decreto é fácil de cambiar, só fai falta vontade da Xunta.