Jesús Vázquez, ao BNG: "A RAG recorre ante un tribunal que vostés tildan de españolista"

O conselleiro de Educación e Cultura asegura que as sentenzas do TSXG apoiaron o 95% do contido do decreto sobre o uso do galego no ensino. En troca, bate contra o deputado do BNG, Cosme Pombo, e espétalle "foi a RAG a que recorre perante un tribunal que vostedes tildan de españolista".

"Imos sacar o galego da confrontación e a demagoxia desta Cámara", aseveraba no remate da súa intervención o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. As masivas mobilizacións cidadás que rexeitaron o decreto do plurilingüismo xunto cos recursos xudiciais presentados por sindicatos, organizacións en defensa da lingua e a propia RAG, non lle serviron ao responsábel da Xunta de Galiza para entender que o coñecido decretazo non é o camiño da "cordialidade" polo que di transitar. 

Jesús Vázquez afirma que a xustiza e as urnas avalan o decretazo e gábase de que o modelo lingúístico da Xunta sexa "copiado por outras comunidades autónomas"

No entanto --e na liña que vén defendendo o executivo galego desde o TSXG se pronunciar ao respecto--, o conselleiro afirmou con rotundidade que a xustiza "avalou o 95%" dos contidos da norma malia a que no groso do decreto invalidaba as consultas ás familias tan pregoadas entre as filas do Partido Popular. Aliás, engadía Vázquez, "a cidadanía apoiou ao Partido Popular", nas últimas eleccións "e non á oposición" que pedía a derrogación do decretazo

Coa tranquilidade que dá a maioría parlamentar, o responsábel de Educación e Ordenación universitaria bateu contra o deputado do BNG, Cosme Pombo, que denunciaba as agresións levadas a cabo polo executivo de Núñez Feijóo contra a lingua galega. " O Goberno galego é o primeiro goberno que recorre ante os tribunais en contra da súa propia lingua”, denunciou o nacionalista na súa quenda de intervención, acusacións que foron retrucadas por Jesús Vázquez asegurando que a Xunta de Galiza non recorre como si o fai "a RAG perante un tribunal que vostedes tildan de españolista". 

Non esclareceu o conselleiro se finalmente a Xunta presentará o recurso de casación perante o Supremo, porén gabouse de ter un modelo lingüístico que é "copiado por outras comunidades autónomas". 

Comentarios