A Xunta ponse a medalla de lograr que o Twitter chíe en galego

A Mesa dí que a Xunta mente sobre a súa implicación no uso do galego en Twitter e lembra que se logrou grazas á implicación de milleiros de persoas

 

Perto de 15.000 persoas adheríronse ao Twitter en Galego, demandando desta rede social que aceptase o inicio do proceso de tradución ao noso idioma. Unha conquista que a Xunta tenta agora encabezar. Para A Mesa pola Normalización Lingüística, “a Xunta debería pedir perdón por se apropiar dunha conquista realizada pola presión social e na que o Goberno galego non tivo absolutamente nada a ver”, en palabras do seu presidente, Carlos Callón.

Neste sentido, A Mesa, igual que a iniciativa Twitter en Galego, salienta que “se conseguimos que Twitter aceptase traducir ao galego, foi polo compromiso de moit@s usuari@s dende hai máis dun ano” e non pola Xunta. 

Desde hai máis dun ano existen accións desde a base cidadá, "non secundadas pola Xunta", para conseguir que esta rede social teña versión no noso idioma. Cando no pasado mes de maio se anunciou que Twitter se ía traducir a todas as linguas do Estado agás o galego, A Mesa enviou un comunicado no cal denunciaba o “absoluto desinterese da Xunta” e que “esta noticia por si soa debería supor a dimisión ou cesamento do secretario xeral de Política Lingüística”. Como sinala a asociación, “as hemerotecas están aí para quen as quixer consultar: non menten”.

Compromisos reais

A Mesa sinala que, se o PP quere “de verdade facer algo polo galego nas tecnoloxías” ten “moitas cousas e moi importantes” que pode facer nas próximas semanas. “Por exemplo, dar marcha atrás á súa decisión de non solicitar móbiles con opción de galego para o Parlamento, a pesar de que todo o mundo sabe que tales terminais con opción do noso idioma existen no mercado, ou que derrogue xa o decretazo que prohibe impartir Tecnoloxía no idioma de Galiza”.

Comentarios