“Voares de esperanza”, manifesto de Fernández Paz para o 17 de maio

O escritor Agustín Fernández Paz, o autor máis lido e traducido da nosa literatura, é o autor do manifesto da manifestación que Queremos Galego convoca o día 17 de maio en Compostela.
Fernández Paz
photo_camera Fernández Paz


As palabras de Agustín Fernández Paz porán o ramo á gran mobilización que se agarda o día 17 de maio en Compostela. O escritor ten na súa traxectoria un amplo labor na dinamización e normalización lingüística, nomeadamente no ensino mais tamén noutros ámbitos de actuación. Escritor monolingüe en galego desde os seus inicios, o seu prestixioso nome agroma en multitude de iniciativas e campañas encamiñadas á normalización da nosa lingua.

No manifesto que elaborou para este 17 de maio, Agustín toma o título dunha frase con que Otero Pedrayo quixo definir o labor de Ánxel Casal e María Miramontes. En “Voares de esperanza” Agustín Fernández Paz recoñécese nesa herdanza e defende unha lingua “que naceu hai máis de mil anos neste país e é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración”.

Para leres o manifesto completo “Voares de esperanza” podes premer aquí.

Comentarios