Homenaxe a Margarita Ledo Andión en Vilalba

O Muiño do Rañego acollerá o 15 de setembro unha mesa redonda sobre a súa obra e inaugurarase o sétimo Hectómetro Literario no Paseo dos soños no rio Madalena.

Poeta, narradora, xornalista, investigadora, directora de cine, feminista, galega,... Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) recibirá este sábado en Vilalba unha merecida homenaxe como recoñecemento da súa obra, froito dunha traxectoria que vai da literatura ao audiovisual, da docencia á implicación co noso país. "É unha persoa plural, pioneira en moitos eidos como o da imaxe, o da defensa dos dereitos da muller ou abrindo camiños como foi a creación da Facultade de Xornalismo da USC", afirma Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, unha das entidades organizadoras da homenaxe coa Irmandade Manuel María. 

A propia Margarita Ledo Andión agradeceu a iniciativa que, para ela, servirá como un reencontro cos vellos amigos. “Estou moi ligada á Terra Chá, un lugar que me configurou e ao que volvo”, asegurou, “e sempre ao redor de Manuel María”. A escritora, profesora e cineasta publicou o seu primeiro poemario Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto? en 1970 na editorial Xistral da man do propio Manuel María.

Os actos do sábado 15 de setembro no Muiño do Rañego de Vilalba consistirán nunha mesa redonda en que falarán María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero, e a inauguración doutro tramo do Paseo dos soños. Rematará a homenaxe cun xantar ás 14:30 horas (Nova Ruta de Vilalba) e unha actuación musical a cargo de Mini e Mero, Raúl Galego, e outr@s

Sétimo Hectómetro Literario
O Paseo dos soños, unha iniciativa conxunta de ambas as dúas entidades, comezou en 2006 a medrar de cen en cen metros a través do chamado "hectómetro literario" no paseo fluvial da Madalena de Vilalba. A iniciativa pretende homenaxear escritoras ou escritores, persoeir@s da cultura con algunha relación coa comarca da Terra Chá. Este paseo é obra do escultor galego Xosé Val Díaz, Valdi, un artista afeito a traballar con todo tipo de materiais desde a pedra ao aceiro. “A escultura trata en cada ocasión de representar aspectos da persoa homenaxeada, neste caso os elementos serán unha cámara e un libro”, informou Alfonso Blanco.