Claudio Rodríguez Fer, Doutor Honoris Causa pola Alta Bretaña

Claudio Rodríguez Fer ante os menhires de Carnac
A Universidade de Alta Bretaña en Rennes vén de distinguir o escritor Claudio Rodríguez Fer co seu doutoramento Honoris Causa. O acto de investidura terá lugar o próximo día 28 de xuño, data en que Rodríguez Fer se converterá no primeiro galego con esta distinción.


Claudio Rodríguez Fer será investido Doutor Honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes o próximo 28 de xuño, a proposta dos Departamentos de Español e de Bretón. O escritor foi profesor convidado nesa Universidade en 1995 e mantén desde ese momento relación coa institución en que ten participado en recitais e encontros, ademais de ser tamén profesor visitante en Lorient, na Universidade de Bretaña Sur. Alén diso, o escritor participou en congresos e os seus textos recolléronse en varias publciacións. 


A obra poética de Rodríguez Fer foi traducida ao bretón no libro Muioc'h kalz eget mil bloaz (Moito máis que mil anos). O escritor recoñece ademais a presenza celta na súa obra, nos poemas do libro Amores e clamores, en relatos do volume en Contos e descontos ou na súa memoria Meus amores celtas, publicada en Unión Libre.