Sermos Galiza preséntase na Diada de Catalunya

Manuel Mera e Olalla Rodil nunha das presentacións de Sermos Galiza
A Asemblea Cultural Galega de Barcelona organizou un acto de presentación de Sermos Galiza na Mostra d’Entitats dels Països Catalans 2012 o día 11 de setembro. No acto falarán Manuel Mera (membro do Consello de Administración de Sermos Galiza) e Vicent Partal (director do xornal dixital Vilaweb).

Sermos Galiza presentarase en sociedade en Catalunya na Mostra d’Entitats dels Països Catalans 2012 da man da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB). A Mostra celebrarase cada ano no centro de Barcelona (Passeig Lluís Companys) e pretende ser unha ampla exposición de traballos e proxectos ao redor da nación catalá. Palestras, presentacións de libros e charlas protagonizarán a actividade ese día organizada polo colectivo Gent de la terra.

Nesta edición haberá 112 postos de entidades, organizacións e empresas de todo tipo. A Asemblea Cultural Galega de Barcelona contará con posto propio de 10 a 20 horas, con actuacións musicais e material diverso. A presentación de Sermos Galiza está prevista para as 16:15 horas no toldo octogonal e nela participarán Manuel Mera (membro do Concello de Administración de Sermos Galiza) e Vicent Partal (director do xornal dixital Vilaweb).