A Xustiza dos EUA declara ilegais a maioría dos aranceis de Trump, pero mantenos en vigor até o mes de outubro

O presidente estadounidense advertiu de graves consecuencias se se derroga a súa política comercial.

Donald Trump, presidente dos Estados Unidos. (Foto: Andrew Leyden / Zuma Press)
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, cun cartel que indica os aranceis impostos a varios países, o 2 de abril deste ano. (Foto: Andrew Leyden / Zuma Press)

O Tribunal de Apelacións do Circuíto Federal dos sentenciou esta sexta feira que a maioría dos aranceis impostos polo presidente Donald Trump no marco da Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA) son ilegais —dando a razón a outro tribunal que xa resolveu contra os gravames a finais de maio—, ao exceder os límites legais da autoridade presidencial.

Con todo, o tribunal decidiu manter a vixencia dos aranceis até o 14 de outubro para permitir apelacións do Executivo estadounidense.

A corte resolveu —con sete votos a favor e catro en contra— que o Congreso dos EUA non outorga ao mandatario estadounidense a través da Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA) —lexislación en base á cal Trump aprobou as súas medidas arancelarias unha "ampla autoridade para impor aranceis da natureza dos aranceis sobre tráfico e recíprocos".

Así, entre os gravames anulados inclúense os aranceis base do 10 % a case todos os países, así como os complementarios recíprocos aplicados a mercados como China, Canadá ou México.

"Todos os aranceis seguen en vigor!"

Donald Trump reaccionou rapidamente nas redes sociais, cualificando o fallo de "total desastre para o país" e acusando o tribunal de estar politizado. Afirmou que todos os aranceis seguen vixentes e advertiu de graves consecuencias se se derroga a súa política comercial. "Todos os aranceis seguen en vigor!", proclamou desde a súa conta de Truth Social.

Pola súa parte, a fiscal xeral dos EUA, Pam Bondi, anunciou que o Departamento de Xustiza apelará o ditame asegurando que a decisión é "errónea". "O Departamento de Xustiza [...] continuará loitando para restaurar a autoridade lexítima do presidente", confirmou nunha mensaxe desde a súa conta na rede social X.

Comentarios