4 meses de xuízo. 422 testemuños. O foco posto nos acontecimentos que desembocaron no referendo de 1 de outubro de 2017 e na declaración unilateral de independencia proclamada polo Parlament o 27 dese mesmo mes. 12 persoas acusadas, entre elas o ex vicepresident da Generalitat, Oriol Junqueras, a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell; e os líderes cívicos Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, presidentes da Asamblea Nacional Catalana e Ómnium Cultural, respectivamente. Cargos contra eles de rebelión (ilícito penal que pode comportar penas de até 25 anos de prisión), sedición e malversación de fondos. Delitos perfectamente descritos no código penal sen encaixe fácil cos feitos tidos como probados pola sala do penal do Tribunal Supremo, no mínimo iso é o que pensa a maior parte das e dos xuristas independentes.
Unha lectura rigorosa e obxectiva do desenvolvimento do xuízo permite afirmar que a fiscalía non achegou material probatorio que sosteña as súas graves acusacións (até figuras do establishment xornalístico español como Iñaki Gabilondo ve o asunto moi "collido polos pelos"). O alegato a favor da existencia de rebelión feito polo Ministerio Público carece de sustancia. Nun estado de dereito non se poden confundir os actos vandálicos(danos en vehículos da garda civil, rabuñazos a policías no contexto de cargas contra civís indefensos) co alzamento violento, condición sine qua non de acordo co código penal español para falar de rebelión. Canto á convocatoria do referendo de autodeterminación, esa acción foi deliberadamente despenalizada polo lexislador na reforma do código penal de 2005, 12 anos antes de o Govern do agora exiliado Carles Puigdemont chamar ás urnas.
Nun estado de dereito non se poden confundir os actos vandálicos(danos en vehículos da garda civil, rabuñazos a policías no contexto de cargas contra civís indefensos) co alzamento violento
É tan evidente a falta de fundamentación do delito de rebelión que a Avogacía do Estado, a voz do Goberno Sánchez no xuízo, optou por non presentar este cargo contra os acusados, aos que só imputaría o ilícito de sedición, con menos carga punitiva (15 anos no máximo). Mais tampouco parece que os feitos podan ser calificados como accións sediciosas, pois non existe por ningures o alzamento "tumultuario" e, desde logo, de existir este tampouco podería ser atribuído ás persoas acusadas.
Entón? Entón teriamos como moito un delito de desobediencia á autoridade, castigado con penas de seis meses a un ano de prisión (ao tratárense de persoas sen antecedentes ningún dos acusados tería que ir ao cárcere) e a imposición dunha multa. Si podemos rastrexar na actuación dos líderes políticos independentistas resistencia a desobedecer instrucións de órganos estatais, mais deste ilícito curiosamente non foron acusados, o que claramente reforza a impresión de que o xuízo é puramente político.
Teriamos como moito un delito de desobediencia á autoridade, castigado con penas de seis meses a un ano de prisión (ao tratárense de persoas sen antecedentes ningún dos acusados tería que ir ao cárcere) e a imposición dunha multa
O paradoxo é que, sendo vítimas dun xuízo político, os presos independentistas fixeron unha chamada á política na súa última quenda de defensa, xa no acto de clausura da vista oral. "Votar e defender a República desde un Parlamento non pode constituír delito", dixo no seu descargo Oriol Junqueras. "A vontade de diálogo, de negociación e acordo, desde o respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais, xamais debería ser un delito", alegou.
"Calquera político, como calquera persoa, comete erros, mais sempre evitei a má política que nega o diálogo, a negociación e o acordo, e que, entendo, lles ten traspasado a vostedes a responsabilidade de ditar sentenza. Creo sinceramente que o mellor para todos, para Catalunya, para España, para Europa, para todos, sería devolver a cuestión á política, á boa política, de onde nunca debería ter saído. Devolver o asunto ao terreno do diálogo, a negociación e o acordo", acrecentou Junqueras.
Ben, todo indica que a sentenza será política, mais non da boa política á que apela o líder independentista.
E, despois de a resolución xudicial ser ditada, o conflito continuará nas mesmas, e talvez empeorado,