A xuíza nega o acceso ás dilixencias da dina a Mazón por ser testemuña

O ex president da Generalitat Valenciana e deputado popular nas Corts Valencianes, Carlos Mazón, pediu ter acceso á documentación da causa da dina argumentando que quere saber se segue a ser investigado.
O deputado do PP, Carlos Mazón, esta terza feira 31 de marzo nas Corts Valencianes. (Foto: José Cuéllar / Corts Valencianes)
O deputado do PP, Carlos Mazón, esta terza feira 31 de marzo nas Corts Valencianes. (Foto: José Cuéllar / Corts Valencianes)

A xuíza que investiga a xestión da dina do 29 de outubro de 2024, que deixou un total de 230 vítimas mortais no País Valencià, rexeitou a comparecencia como interesado do ex president da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, na causa, o cal lle permitiría acceder ás dilixencias da causa.

A maxistrada de Catarroja respondeu á súa petición, formulada esta segunda feira pola representación legal do aínda deputado do PP ao entender que non pode facelo pola súa condición de testemuña e ao non haber indicios contra el.

No auto, a xuíza sostén que a petición de comparecencia non encaixa no dereito procesual penal, porque pretende unha figura intermedia entre testemuña e investigado que "non existe". Así, lembra que só podería formar parte da causa de haber indicios de delito contra el ou se el mesmo quixese asumir responsabilidades penais, cousa que non alegou.

Mazón realizou esta petición de comparecencia como interesado días despois de que a maxistrada acordara citalo como testemuña no procedemento e unha semana máis tarde de que o Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana rexeitara imputalo.

O popular aludía ao feito de que quería analizar as dilixencias que se poderían seguir practicando contra el. Precisamente esta terza feira, defendía a súa comparecencia como interesado para saber se a xuíza o "seguía investigando ou non". "Tan sinxelo como iso, creo que teño dereito a sabelo", afirmou.

Conduta "reprobábel"

Antes, o 16 de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana rexeitou investigar Mazón ao non ver delito, xa que non tiña "deber e obrigación" específica para garantir a seguridade da cidadanía nin se demostrou que participara no Es-Alert. Con todo, o alto tribunal valenciano cualificou a súa conduta de "reprobábel" social e politicamente.

Previamente, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana considerou que no momento procesual actual non había "indicios suficientes de criminalidade" contra Mazón, mais matizou que non era "descartábel" que o panorama probatorio puidese cambiar.

Comentarios