Unha xuíza suspende a emisión do selo que conmemora o centenario do Partido Comunista de España

A maxistrada atende a medida cautelar demandada pola asociación ultra Avogados Cristiáns

selo pce

A maxistrada Carmen Casado do xulgado 30 do contencioso-administrativo de Madrid ditou un auto suspendendo preventivamente a emisión do selo conmemorativo do centenario do Partido Comunista de España, fundado en 1921.

A maxistrada atende deste modo unha petición presentada pola asociación de Avogados Cristiáns na que se pedía que se suspendese a emisión do selo que debía saír á venda o 14 de novembro cunha tiraxe de 135.000 exemplares e un valor postal de 0,75 céntimos de euro.

No seu auto, a xuíz non entra a valorar o fondo da cuestión -os motivos alegados por Avogados Cristiáns que nin tan sequera reproduce na súa decisión xudicial- senón que se limita a considerar pertinente a suspensión solicitada dado que “se entende acreditada a especial urxencia que amerita a adopción da medida cautelarísima”.

Val dos Caídos

Avogados Cristiáns é unha organización ultra formada por avogados, procuradores, xuristas, profesores e estudantes de dereito en 2021. Unha das principais causas da organización é a loita contra o dereito ao aborto, para alén de interpor demandas relacionadas coa defensa do Val dos Caídos.

A emisión deste selo conmemorativo foi rexeitada pola dereita española. PP, Vox e Cidadáns reclamaron a retirada do selo e mesmo a dimisión do actual presidente da empresa pública.

Comentarios