O xuíz propón o feche do caso Couso

Santiago Pedraz sinala que o fin da xustiza universal impide continuar adiante embora existiren "indicios racionais" de que os militares estadounidenses procesados "serían autores dos delitos sinalados" no caso.

 

O proceso xudicial aberto polo asasinato do cámara José Couso no marco da ocupación do Iraq en 2003 podería darse por concluído. Así o solicita o xuíz instrutor Santiago Pedraz quen vén de elevar á Sala do Penal da Adiencia Nacional española un auto no que propón o encerramento da causa. 

No texto remitido Pedraz sinala o fin da xustiza universal após a reforma lexislativa na materia e a sentenza do Tribunal Supremo en relación cos delitos cometidos polas autoridades chinesas no Tíbet e a cuxa investigación tamén se puxo fin. 

Neste senso, o maxistrado lamenta non poder continuar adiante malia existiren, sinala, "indicios racionais" de que os tres militares estadounidenses procesados polo asasinato de José Couso e o xornalista ucraíno, Taras Protsyiuk, no Hotel Palestina de Bagdag; "serían autores dos delitos" dos que se lles acusa. 

Pedraz asegura que só podería continuar coa causa "no difícil suposto de que os presuntos criminais se tivesen refuxiado en España".