mércores 27.05.2020

Trump, principal valedor de Israel

O recoñecemento polos EUA de Xerusalén como capital do Estado de Israel supón unha clara vulneración do dereito internacional e podería representar un crime de guerra. O xiro diplomático da Casa Branca finiquita o paralizado proceso de paz e desenmascara o desinterese de Washington por atinxir un acordo xusto e duradeiro. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 276.

[Imaxe: Wikimedia]
[Imaxe: Wikimedia]

israelA decisión do presidente dos EUA, Donald Trump, de recoñecer oficialmente Xerusalén como capital do Estado de Israel, volve deixar en evidencia o rol xogado pola potencia imperialista no conflito entre Palestina e Israel. Destarte, é manifesta a complicidade dos EUA co réxime sionista e as súas continuadas conculcacións dos dereitos humanos a través da ocupación ilegal e criminal de territorio palestino, incumprindo deliberadamente as resolucións da ONU e vulnerando sistematicamente o dereito internacional. O anuncio fíxose público o pasado 6 de decembro, apenas tres días antes de se cumprir o trinta aniversario da chamada primeira “intifada” coa que a poboación palestina se revolveu, pedras contra tanques, contra a ocupación e as agresións por parte de Israel. Trátase dunha acción de enorme alcance simbólico, toda vez vai acompañada do traslado efectivo da embaixada dos EUA de Tel Aviv a Xerusalén. Desta maneira, Trump bota definitivamente por terra o atrancado proceso de paz e deixa en papel mollado a solución dos “dous Estados”, agravando a farsa internacional dos acordos de Oslo e lexitimando a opresión colonial en contra da poboación palestina.

No entanto, o presidente Trump limitouse a executar unha decisión moito anterior da administración norteamericana. En 1995, o Congreso dos EUA xa acordou recoñecer Xerusalén como capital de Israel mandatando o traslado da delegación diplomática norteamericana a ese lugar. As sucesivas presidenciais adiaron a súa efectivización, que o actual ocupante do despacho oval xa se comprometeu a facer realidade o pasado ano 2016. A vontade de Israel de se apropiar totalmente de Al-Quds, denominación coa que os palestinos se refiren á disputada “cidade santa”, é parella ao propio nacemento do Estado sionista. Xa en 1949, o primeiro ministro israelí, David Ben Gurion, tencionou a súa formalización como capital. Daquela, o temor a incomodar o aliado norteamericano e enfurecer a comunidade internacional logrou desbotar a opción que se vén de materializar agora.

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 276, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

comentarios