Xapón

Falece o ex primeiro ministro nipón Shinzo Abe após recibir un disparo nun mitin electoral

Quen ostentou o cargo entre 2012 e 2020 recibiu un disparo polas costas cando participaba nun mitin electoral na cidade de Nara e entrou en parada cardiorrespiratoria. Faleceu horas despois no hospital. O principal sospeitoso, un varón de 41 anos, utilizou unha escopeta de fabricación caseira e xa foi detido pola Policía.
O ex primeiro ministro do Xapón, Shinzo Abe, recibiu un disparo nas costas. (Foto: Asahi Shimbun)
photo_camera O ex primeiro ministro do Xapón, Shinzo Abe, recibiu un disparo nas costas. (Foto: Asahi Shimbun)

Contra as 11.30 horas desta sexta feira [4.30h na Galiza] un home disparou dúas veces contra o ex primeiro ministro do Xapón, Shinzo Abe, e cando menos unha das balas impactou nas súas costas, segundo reportan medios nipóns.

Abe achábase ofrecendo un discurso nun mitin electoral na cidade de Nara, fronte á estación de Kintetsu Yamato, informa o xornal Asahi Shimbun, cando foi atacado por un viandante, que tería utilizado unha escopeta de fabricación caseira.

As autoridades policiais detiveron un varón de 41 anos de idade, sospeitoso de cometer un delito de intento de asasinato, que respondería ao nome de Tetsuya Yamagami, se ben aínda se descoñecen as causas do ataque.

Como consecuencia do disparo, o ex mandatario xaponés entrou en parada cardiorrespiratoria e foi trasladado ao hospital en ambulancia, onde faleceu pasadas seis horas.

Shinzo Abe ostentou o cargo de primeiro ministro do Xapón entre decembro de 2012 e setembro de 2020, polo que se converteu no dirixente político que máis tempo ficou á fronte do país.

Reacción de Tóquio

Após este intento de asasinato, o secretario xefe do Gabinete do actual Goberno xaponés, Hirokazu Matsuno, apuntou que representantes de todos os ministerios mantiveron unha xuntanza para "coordinar unha resposta".

"Pola razón que for, este tipo de barbarie é inaceptábel e debo condenala categoricamente. O Goberno fará todos os esforzos posíbeis para tomar varias medidas", avanzou Matsuno.

Comentarios