Venezuela denuncia ante a ONU a "agresión aberta e criminal" dos EUA
O Goberno de Venezuela vén de denunciar ante o Consello de Seguridade de Nacións Unidas unha "agresión aberta e criminal" por parte dos Estados Unidos, despois de que o presidente deste país, Donald Trump, ordenase o bloqueo de todos os petroleiros sancionados que entren e saian das costas venezolanas, e solicitou a este organismo unha reunión "urxente" para abordar o que cualificou de "plan propio do colonialismo" e "xigantesco acto de extorsión".
Nunha misiva asinada polo representante venezolano ante a ONU, Samuel Moncada, e dirixida ao secretario xeral do organismo multilateral, António Guterres, indican que "Estados Unidos está a impór o caos e a destrución nas relacións internacionais" polo que "o Consello de Seguridade, encargado de garantir o mantemento da paz e a seguridade internacionais, debe evitalo".
Neste sentido, Moncada demandou a convocatoria, "con carácter de urxencia", dunha reunión do grupo de 15 países, que inclúe os EUA, para discutir "a agresión estadounidense contra Venezuela" e "adoptar as medidas necesarias para restituír a legalidade internacional".
"É só un bloqueo"
Pola súa parte, o presidente dos EUA, Donald Trump, defendeu que o seu despregamento naval nas costas de Venezuela é "só un bloqueo", tras anuncialo como tal unhas horas antes e ante as resolucións presentadas polos demócratas na Cámara de Representantes para retirar as Forzas Armadas das "hostilidades con organizacións terroristas no hemisferio occidental e dentro (de) ou contra Venezuela". Trump insistiu en que o Executivo presidido por Nicolás Maduro "actuou ilegalmente contra os intereses estadounidenses no país caribeño" por quitarlles "todo o noso petróleo", que quere "de volta".
Ademais, anunciou a morte de catro persoas nunha embarcación que bombardeou que navegaba no Pacífico oriental, no que enmarcou como unha operación contra o narcotráfico.
