Co gallo do Día da Galiza, Mar de Lumes organiza unha acción simbólica internacionalista. Este ano, a protagonista das reivindicacións será Palestina, “un pobo que vive nun permanente estado de agresión por parte de Israel, e que nos últimos meses volveu ter que contar vítimas mortais por disparos do exército israelita contra manifestantes desarmados”, sinalan desde o comité. A convocatoria tamén conta coa Campaña BDS Galiza e Galiza por Palestina.
O acto, que terá lugar ás 16:30 horas nas escaleiras da Alameda de Compostela, será presidido por unha grande faixa co lema “se mercas produtos israelitas financias a ocupación da Palestina”. Alén diso, tamén haberá persoas palestinas e realizarase a lectura dun manifesto para denunciar “o réxime sionista de apartheid, a lei que declara Israel como un estado exclusivamente xudeu e a connivencia de empresas e entidades públicas que traballan e comercian con Israel facendo ouvidos xordos ao exterminio que está a levar a cabo contra a poboación árabe”, explican nun comunicado desde Mar de Lumes.