luns 18/01/21

Vacinación masiva para frear o colapso sanitario en Inglaterra

Estabelecéronse grandes centros para levar a cabo a campaña, e a finais desta semana agárdase que mesmo as farmacias dispensen o fármaco contra a Covid.
Tedros alertou do risco de saturación sanitaria coas novas cepas (Eskinder Debebe / ONU)
Tedros alertou do risco de saturación sanitaria coas novas cepas (Eskinder Debebe / ONU)

Sete grandes centros de vacinación contra o coronavirus abriron onte as súas portas en Inglaterra, no marco dos esforzos por vacinar millóns de persoas nun mes e combater a propagación da nova cepa que ameaza con saturar os hospitais.

Os centros estabelecéronse  principalmente en instalacións deportivas, incluídos estadios de fútbol ou unha pista de carreiras de cabalos, e en grandes cidades do país como Londres, Birmingham e Manchester.

Cada un deles debe vacinar miles de persoas e novas instalacións sumaranse proximamente, entre estas farmacias,  que comezarán a ofrecer a vacina a finais desta semana.

Comezando polos maiores de 80 anos e o persoal sanitario, arredor de dous millóns de persoas foron inoculadas desde que o 8 de decembro o Reino Unido se converteu no primeiro dos Estados occidentais en lanzar a campaña de vacinación, informou onte o primeiro ministro, Boris Johnson. 

Dado que algunhas persoas xa recibiron a segunda dose, administráronse un total de 2,4 millóns das vacinas desenvolvidas por Pfizer/BioNTech e AstraZeneca/Oxford, subliñou.

O regulador británico aprobou tamén a semana pasada a vacina do laboratorio estadounidense Moderna, mais esta non chegará ao país até a primavera.

O Reino Unido enfróntase a unha vaga imparábel de contaxios desde o descubrimento en decembro dunha nova cepa de coronavirus, aparentemente moito máis facilmente transmisíbel que as anteriores.

Os hospitais están ao bordo da saturación e as catro nacións ─Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte─ están en confinamento total por terceira vez. Ademais, por falta de espazo nos hospitais, na pequena localidade de Leatherhead, ao sur de Londres, consérvanse os cadáveres de 170 persoas.

Cepas "problemáticas"

Tamén nas últimas horas as autoridades sanitarias do Xapón detectaron unha nova cepa da Covid ─aparentemente distinta ás detectadas no Reino Unido e Sudáfrica─ en varias persoas que regresaron ao país desde o Brasil, tamén amplamente infecciosa.

Ao respecto, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom, dixo onte que todas as novas variantes máis contaxiosas son "extremadamente problematicas" e poden causar máis hospitalizacións de non se frear a súa expansión.

comentarios