Uruguai decidirá en segunda volta a quen outorga a Presidencia: Yamandú Orsi ou Álvaro Delgado

Yamandú Orsi (FA) e Álvaro Delgado (PN). (Foto: Fronte Ampla / Partido Nacional)
O aspirante apoiado por Mujica gana cunha ampla vantaxe pero non logra facerse coa Presidencia en primeira volta.

O candidato da progresista Fronte Ampla (FA), Yamandú Orsi, e o aspirante do oficialista Partido Nacional (PN), Álvaro Delgado, disputarán en segunda volta a Presidencia de Uruguai. Esa segunda cita nas urnas terá lugar o 24 de novembro, ao non conseguir ningún candidato 50% dos sufraxios máis un.

Con 97% do escrutinio realizado, Orsi obtivo un 43,7% das papeletas, mentres que Delgado fíxose cun 26,89% por cento dos votos. En terceiro lugar quedou o socialdemócrata Andrés Ojeda, do Partido Colorado (PC), que logrou un 16% dos votos, polo que quedou fóra da segunda volta. O resto de candidatos obtiveron menos de 5% dos apoios.

Último esforzo

"Hoxe é unha noite de festa da democracia, que hai 40 anos de maneira ininterrompida sostén a república, sostén a liberdade. Uruguai hoxe volve ser noticia pola súa cultura cívica [...] A Fronte Ampla é novamente o partido máis votado de Uruguai. Somos o partido que máis creceu nesta elección. Imos a por ese último esforzo con máis ganas que nunca", declarou Yamadú Orsi nun discurso desde o escenario montado na rambla de Montevideo, na capital uruguaia.

Pola súa parte, Delgado, que durante a súa intervención enviou un "saúdo especial" a Orsi e aos militantes de Fronte Ampla, así como o actual presidente, o mandatario saínte Luis Lacalle Pou, anunciou que durante a xornada desta segunda feira reunirase co seu equipo para planificar a campaña até o 24 de novembro. "As urnas falaron. Uruguai expresouse e dixo que a coalición é o proxecto político máis votado do país. Xa temos a coalición en marcha, temos unha etapa de madurez e imos a por un novo chanzo", manifestou.

Lexislativas

No que atinxe á Cámara de Representantes, e á espera de que a terza feira comece o escrutinio definitivo, no que adoita haber moi poucas diferenzas co provisorio, explicou o membro do Tribunal Electoral José Korzeniak, ningún dos dous bloques, o da FA e a coalición gobernamental, que amais de PN e PC inclúe o ultradereitista Cabildo Nacional (CA) e o centrista Partido Independente (PI), obtivo a maioría absoluta.

Dos 99 asentos 48 estarían ocupados pola FA, 29 polo PN, 17 polo PC, 2 por CA e 1 polo PI. Os dous restantes corresponden a Identidade Soberana (IS), unha formación creada hai dous anos e que defende posturas antiimperialistas, ecoloxistas ou contra a perspectiva de xénero. Xa no Senado a absoluta sería da FA con 16, con nove postos para o PN e 5 para o PC.

Amais, ningún dos dous plebiscitos sometidos a votación chegaron ao 50% de votos afirmativos que exixe a lexislación para a súa aprobación. O que limitaba a 60 anos a idade de xubilación e fixaba que ningunha pensión estaría por baixo do salario mínimo recibiu 38,8% a favor, e o que permitiría que as forzas de seguridade efectuasen invasións de domicilio nocturnas 39,4%.

Os candidatos

Orsi é un destacado dirixente do Movemento de Participación Popular (MPP) –liderado polo histórico expresidente José Mujica e integrado na coalición Fronte Ampla– que exerceu como xefe de Goberno da gobernación de Canelones, no sur de Uruguai, desde 2015 a 2024. A súa candidata a vicepresidenta é Carolina Cosse, intendenta de Montevideo entre 2020 e xullo de 2024 e previamente ministra de Industria, Enerxía e Minería baixo o mandato de Tabaré Vázquez.

No bando contrario, o Partido Nacional –tamén coñecido como Partido Blanco– enfróntase á obriga de cambiar de candidato despois de cinco anos de mandato de Luis Lacalle Pou, dado que a Constitución prohibe expresamente a reelección directa de presidentes, aínda que non así no caso dos vicepresidentes.

O Partido Nacional escolleu o actual secretario de Presidencia, Álvaro Delgado, como candidato, acompañado de Valeria Ripoll, figura televisiva que anteriormente estivo relacionada ao sector sindical. Os 'brancos', que ao longo de todo o mandato de Lacalle Pou estiveron por baixo da Fronte Ampla nas enquisas, viron caer nos últimos meses o seu apoio en picado, pasando dun 30% a comezos de ano, a pouco máis dun 20 nas últimas sondaxes.

Chile e o Brasil

En Chile, onde se realizaron a fin de semana eleccións municipais e rexionais, as forzas progresistas perderon unha corentena de Alcaldías mais lograron resistir o auxe conservador. Neste período gobernarán 110 municipios, entre os que non estará Santiago, até o de agora liderado polos comunistas, mais si Maipú, o segundo máis poboado do país, así como Valparaíso ou Viña del Mar. Nas rexionais haberá segunda volta na meirande parte das Gobernacións. Nas cinco nas que todo quedou resolto catro serán para os progresistas e unha para os conservadores.

No Brasil, a segunda volta das municipais deixou múltiples vitorias da dereita e da ultradereita, con énfase en São Paulo, urbe na que se impuxo un candidato apoiado polo ex presidente Jair Bolsonaro.