'Update' escolar para o novo confinamento

Todo indica que a pandemia da Covid-19 seguirá entre nós canto menos un curso máis. A comunidade educativa de todo o mundo inicia o regreso ás aulas, nalgúns casos até seis meses após de telas que abandonar, con grandes incertezas e co risco real de novos confinamentos. Algúns países xa se están a preparar para esta posibilidade.
internet_education_un
photo_camera Segundo un recente estudo de Unicef, en 71 países dos 183 con datos máis da metade da poboación non conta con acceso a internet (un.org)

Durante o último confinamento, arredor de 1.600 millóns de escolares en 195 países do mundo ficaron sen aulas, segundo datos da Unesco. As medidas restritivas para evitar a propagación do coronavirus obrigaron ao feche dos centros e a trasladar o proceso educativo aos fogares. 

Esta situación foi causa de estrés tanto para o alumnado, como para o profesorado e paras as familias; de se repetir e estender no tempo ─afirma esta axencia das Nacións Unidas─ "será causa potencial de perda de oportunidades educativas, mais tamén de capital humano e de desenvolvemento económico a longo prazo". A imposibilidade de ir á escola implica, ademais, carencias nutritivas para moitas crianzas, limitacións laborais para os proxenitores, especialmente as nais, e o incremento do risco de violencia no fogar.

Centrándose no plano da educación formal, buscouse como alternativa a aprendizaxe remota desde as casas. Porén, esta depende en gran medida da tecnoloxía. Cursos online, videoaulas ou libros de texto electrónicos son mecanismos que poden facilitar o proceso dentro destas circunstancias anómalas, mais o escenario ideal bate coa realidade. 

A nivel mundial, segundo un recente estudo de Unicef, en 71 países dos 183 con datos máis da metade da poboación non ten acceso a internet, e nin sequera a radio ou a TV son recursos universais. Especialmente, existen grandes diferenzas entre as poboacións rurais e urbanas. E máis especialmente ─recolle o informe─ é nos países da África subsahariana onde as carencias son maiores.  

Estados Unidos e Europa

Mais tamén nas rexións máis desenvolvidas do planeta a fenda dixital complica o proceso educativo desde os fogares. Nos EUA, 16 dos 20 maiores distritos escolares ─entes encargados da xestión escolar─ xa anunciaron plans de aprendizaxe remoto ou mixto para este curso, informa EdWeek. O profesorado do país norteamericano leva tempo advertindo das desigualdades existentes entre o alumnado para acceder a internet e a outro tipo de tecnoloxía. Desigualdades que ─remarcan─ eran previas á pandemia; a Covid intensificounas.

De acordo a un estudo do instituto de investigacións Pew Research Center, durante a corentena da pasada primavera, 36% das familias con ingresos baixos manifestaron que as súas crianzas foran incapaces de completar as tarefas escolares na casa porque non tiñan acceso a un ordenador. No caso das familias de ingresos medios, a porcentaxe reducíase a 14% e nas de ingresos altos, a 4%.

Tampouco en Europa a tecnoloxía é democrática e dista moito de ser accesíbel para todos os fogares. Recólleo a ONU no informe publicado este mes, Educación durante e despois da Covid-19. Na metade dos máis de 20 países europeos examinados, arredor de 50% do alumnado de entre 9 e 10 anos de familias con baixos ingresos non ten facilidades para se conectar a internet. 

Internet económico

Mesmo na locomotora económica europea, Alemaña, a crise do coronavirus tamén expuxo a fenda dixital existente no país e, nomeadamente, no sistema educativo: carencia de equipamento, falla de acceso a internet ou conexións lentas. Problemas que complicaron ─máis aínda─ a aprendizaxe, e que o Goberno alemán ─despois das queixas dos sindicatos educativos e das asociacións de profesorado─ quere paliar na medida do posíbel de cara á posibilidade real dun novo confinamento.

Os ministros de Educación dos länder reuníronse nos últimos días coa súa homóloga a nivel federal, Anja Karliczek, e acordaron un plan de actualización dixital por valor de 500 millóns de euros. Unha cifra que superaría amplamente, de ser aprobada finalmente polos Gobernos estatais, os 10 millóns de euros orzamentados con anterioridade polo Executivo federal dentro do seu Plan Dixital.

Esta nova proposta, segundo informan os medios xermanos, concretaríase en medidas como dotar a cada un dos docentes dun ordenador portátil ou que todo o alumnado teña acceso a internet desde a casa a un prezo máximo de 10 euros ao mes. Ademais, en cooperación co Ministerio do Transporte, todos os centros escolares serán dotados de internet de alta velocidade.

O plan conta co apoio dos dous partidos da coalición de Goberno, o Partido Socialdemócrata (SPD) e a Unión Demócrata Cristiá (CDU). Por parte desta última formación, Friedrich Merz, candidato a substituír a Angela Merkel, afirmou no Passauer Neue Presse: "É simplemente inaceptábel que aínda a día de hoxe non todas as escolas conten cunha conexión WLAN [rede local de internet sen cables ou wifi]". "Alemaña é un país en desenvolvemento no que a dixitalización se refire", engadiu.

Comentarios