Unidade sindical en Brasil para convocar unha greve xeral contra Bolsonaro: será o 14 de xuño

Primeiro de Maio en Brasil Imaxe: Central Única dos Trabalhadores

O Primeiro de Maio estivo marcado polas mobilizacións unitarias, inéditas no país. O paro convócase contra as políticas de “retroceso” impulsadas polo goberno brasileiro, tanto en termos laborais como sociais.

14 de xuño, greve xeral en Brasil convocada polas principais centrais sindicais do país, como a Central Única dos Trabalhadores (CUT), Força Sindical ou a Central de Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil (CTB) e tamén de organizacións como Movimento dos Trabalhadores Sem Tecto (MTST). Un paro contra os retrocesos laborais e sociais que se produciron nestes meses de goberno de Jair Bolsonaro.


O Primeiro de Maio deixou unha imaxe inédita en Brasil: a das dez principais centrais sindicais participando en mobilizacións unitarias para rexeitar as políticas económicas e sociais do goberno de Bolsonaro, nomeadamente a reforma das pensións e as medidas  que empobrecen aínda máis a clase traballadora


“A proposta de Bolsonaro e do seu guru, Paulo Guedes [ministro da Economia], é cruel para o povo. Querem acabar com a ajuda-doença, dificultar o auxílio-maternidade, acabar com o direito dos trabalhadores, sobretudo dos mais pobres, de receber as pensões e reformas. É por isso que vamos parar no dia 14”, manifestou Vagner Freitas (CUT). 

 

Pola súa banda,  Miguel Torres (Força Sindical), destacou a unidade construída polas centrais sindicais contra a reforma das pensións. “A unidade se faz na luta constante e estaremos juntos até o fim para barrar a reforma da Previdência”, afirmou.

 

Nas manifestacións do 1 de Maio estivo tamén moi presenta as demandas e peticións de liberdade para Lula, o ex presidente brasileiro actualmente en prisión. A presidenta do PT, a deputada federal Gleisi Hoffmann, destacou que, se Lula estivese libre, “estaria aqui, ao lado dos trabalhadores, onde é e sempre foi o seu lugar". Vagner Freitas, reforzou que 'Lula livre' significa o fortalecemento da loita contra o os recortes de dereitos a traballadores e traballadoras.  "Sabemos que Lula foi o que mais fez pela classe trabalhadora. E ele só está preso por isso. Se estivesse solto, estaria rodando o Brasil contra o fim da aposentadoria do povo".